Skip to main content
Lugo

Candia reivindica as parroquias como “lugares de oportunidades para emprender”

Por 15 Maio, 2023Sin comentarios

A candidata do PP á Alcaldía de Lugo, Elena Candia, reivindica as parroquias de Lugo como “lugares de oportunidades para emprender e para loitar contra o despoboamento”. Anunciou que ao longo da campaña electoral os candidatos populares participarán en repartos, porta a porta na zona rural, entregando boletíns territorializados por parroquias e farase un único mítin que terá lugar o martes 16 de maio ás 21.30 horas na Carballeira do Torre de Núñez.

A candidata e mailo seu equipo explicaron ao longo do día á veciñanza da zona rural as súas propostas cun reparto en man de 54 boletíns territorializados.

Nos folletos, un específico por cada parroquia, inclúense compromisos adquiridos pola alcaldable e o seu equipo nas visitas realizadas nos últimos meses a estes lugares.

Elena Candia resumía que “aínda que cada parroquia ten as súas particularidades en todas elas repítense tres demandas: mellorar o saneamento e a auga potable; mellorar a conectividade, tanto na cobertura móbil como conexión a fibra; o mantemento de pistas tanto nos firmes como a súa limpeza e desbrozado”.

A candidata do PP explicou que para conseguir mellores servizos para a zona rural “é necesario deseñar un Plan de Reequilibrio de investimentos que contemple a planificación para dotar os principais servizos: auga, saneamento, mantemento de vías, cobertura móbil”.

A popular tamén indicou que impulsará “un servizo de taxi a demanda, un plan de soidade non desexada para que ningún maior o pase mal, e puntos de información nas 54 parroquias”.

Outro dos obxectivos da alcaldable é poñer en marcha actividades de ocio itinerantes como podería ser a cabalgata de reis, concertos de música coral nas igrexas ou da banda municipal (unha vez que se recupere) durante as festas patronais, así como a biblioteca viaxeira ou campamentos para nenos e nenas

Tamén manifestou que dará apoio ao sector primario con rebaixas de impostos para favorecer as permutas, coa rebaixa de impostos (ICIO e IBI) e a eliminación da burocracia.

Candia avanzou que ademais de apoiar a actividade do sector primario con estímulos económicos revisará o PXOM para axilizar a concesión de licenzas e facilitar o cambio de uso de construcións rurais sen actividade nas que impulsar proxectos empresariais.

Tamén avanzou a posta en marcha dun plan piloto para a protección de danos da fauna salvaxe cumprindo a lei de calidade alimentaria

MITIN RURAL

O Equipo de Elena Candia desenvolverá ao longo desta campaña electoral repartos en man dos boletíns territorializados e fará un único mítin para a zona rural que se celebrará o martes 16 de maio ás 21.30 horas na Carballeira do Torre de Núñez.