Skip to main content
Lugo

O Concello solicita fondos europeos para a rehabilitación da Casa Consistorial para uso turístico

Por 16 Maio, 2023Sin comentarios

O executivo municipal acordou concorrer ás axudas do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para a mellora da competitividade e dinamización do patrimonio histórico. A contía solicitada, con cargo aos fondos Next Generation, ascende a case 3M cos que se acondicionará o edificio para facilitar a súa visita e coñecemento por parte da cidadanía.

O Concello de Lugo concorrerá á convocatoria de axudas do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, para o Programa de mellora da competitividade e de dinamización do patrimonio histórico con uso turístico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Así o avanzou a rexedora, quen explicou que “a contía da axuda solicitada ascende a 2,7 millóns de euros, co obxectivo de poñer en marcha un proxecto de mellora, rehabilitación e posta en valor da Casa Consistorial, a casa de todas e todos os lucenses, coa finalidade de modernizar o edificio, facelo máis eficiente, cómodo e totalmente accesible para que poida ser visitado e coñecido por todas e todos os cidadáns interesados”.

A Casa do Concello de Lugo foi declarada polo Ministerio de Educación e Ciencia monumento histórico artístico mediante Decreto en agosto de 1972. O edificio orixinal data de 1573, cumplíndose, precisamente este ano, o seu 450 aniversario. Trátase dun edificio dunha destacada personalidade desde o punto de vista arquitectónico, sendo un dos máximos expoñentes do barroco civil galego. Na súa cuberta, nunha posición central, atópase a torre que alberga o reloxo, instalado en 1873 e que nesta anualidade está tamén de aniversario, cumprindo 150 anos. O edificio consta de dúas plantas onde se atopan situadas distintas dependencias municipais.

“Trátase dun inmoble que, tanto polas súas características propias, como polo seu emplazamento e a súa catalogación como Ben de Interese Cultural (BIC), queremos que se convirta nun atractivo turístico máis da cidade”, explicou a rexedora, quen lembrou que “a través do Plan Urban, déronse os primeiros pasos nesta liña, coa posta en marcha do edificio de Novas Tecnoloxías, de uso público, anexo á Casa Consistorial, e conectado directamente polo interior a través da planta baixa”.

“Durante a execución destes traballos atopáronse restos arqueolóxicos da basílica do Foro Romano, que se conservaron e que actualmente poden ser visitados polas persoas que o desexen”, apuntou a rexedora, quen indicou, malia todo que “consideramos que se trata dun actractivo turístico que debe potenciarse máis, e de aí a elaboración deste proxecto”.

Así, a finalidade do mesmo é poñer ao dispor, tanto da cidadanía como dos turistas que visiten a cidade, a Casa Consistorial, realizando unha serie de actuacións no devandito edificio, co fin de que sexa un punto de recepción e acollida de visitantes. “A principal zona de actuación será o patio interior central do Concello, que se adecuará para convertelo nun punto de encontro desde o que se proporcione información sobre a oferta turística da cidade e os visitantes poidan coñecer os nosos principais elementos patrimoniais, a través da instalación de dispositivos de realidade virtual e aumentada ou un sistema de vídeo mapping”, explicou Méndez.

“Así mesmo, con esta intervención mellorarase o acceso á Torre do Reloxo e reutilizaranse espazos que actualmente están en desuso, co fin de abrilos ao público, mediante visitas guiadas, habilitándoos para tal fin”, explicou a rexedora.

Actuacións a desenvolver no patio e zonas comúns

Por unha banda, acondicionarase o patio interior da edificación. Actualmente, neste espazo alóxanse algunhas instalacións (bomba de calor, depósitos de combustible…) e polas fachadas dispóñense cableados vistos. Así, preténdese retirar o cableado e desprazar as instalacións a outras zonas, ao tempo que se repararán algúns danos visibles nas súas vidrieiras e se procederá á substitución do marco de ferro que rodea as mesmas.

Para facer que este espazo sexa máis atractivo, pintaranse as fachadas do patio, disporase un pavimento novo, instalarase un sistema de iluminación que realce o seu carácter, e incorporaranse unha serie de elementos de mobiliario exterior, xardineiras e elementos vexetais.

Así mesmo, proponse eliminar o saínte existente no patio e recuperar a planta regular previa á devandita intervención, xa que se realizou para instalar os aseos do edificio na devandita zona. Para isto, moveranse os asesos a algunha das dependencias que actualmente se están utilizando como almacéns, recuperando así a forma orixinal do patio.

Tendo en conta que o obxectivo da rehabilitación do mesmo é que sexa accesible ao público, realizarase, paralelamente, un novo acceso dende a planta baixa, próximo á entrada principal do edificio. No interior do patio está situado un ascensor que comunica as plantas baixa e primeira, e que substituirá por un panorámico con cerramento de vidro, de forma que desde o mesmo se poida contemplar a nova zona rehabilitada e sexa un elemento máis integrado no conxunto.

Por outra banda, mellorarase o acceso á Torre do Relexo coa reparación do pavimento e peldañeado de madeira das escaleiras, a instalación de pasamáns de madeira, a adecuación dos paramentos horizontais e verticais e a adecuación do espazo dende o que se realiza o acceso para convertelo nunha zona de estar/espera; e mellorarase a accesibilidade na comunicación interior entre a Casa Consistorial e o edificio de Novas Tecnoloxías, en planta baixa, eliminando as barreiras arquitectónicas existentes e facendo o acceso máis directo entre ambos os edificios, procedendo, ao mesmo tempo á apertura de xanelas de vidro nos muros de pedra para contemplar os restos arqueolóxicos da basílica do Foro Romano, desde a Casa do Concello.

Nas zonas comúns da edificación procederase á reparación dos danos existentes e ao pintado, tanto en paramentos verticais como nos horizontais. Tamén se realizará o lixado e vernizado de toda a carpintería interior de madeira, tanto portas de paso como biombos de separación de zonas comúns e despachos, zócalos, etc. Na maioría do edificio, renovarase o pavimento de madeira existente e procederase tamén á limpeza e substitución das pezas de mármore do edificio que se atopan deterioradas.

Actuacións de eficiencia enerxética e aforro do consumos

Nesta intervención exponse unha serie de accións cuxo obxectivo é a mellora da eficiencia enerxética e o aforro do consumo de recursos hídricos e enerxéticos. En primeiro lugar, a redución do consumo de enerxía, coas seguintes actuacións:

Substitución das luminarias existentes por unhas de maior eficiencia enerxética (de tipo led).
Substitución da caldeira de gasóleo por unha de gas natural de maior eficiencia enerxética.
Implantación dun sistema de aproveitamento de augas pluviais para rega de plantas.
Aplicación de pintura termoaislante nas fachadas do patio, para reducir a demanda de calefacción.

En segundo lugar, proxéctase un investimento en enerxías renovables, que permiten a produción de enerxía máis limpa e a substitución de enerxías contaminantes por enerxía verde como a instalación de paneis fotovoltaicos integrados nos faldones de cuberta, para aproveitar a enerxía solar e reducir o consumo de enerxía eléctrica.

Con todas estas medidas redúcense as emisións de gases de efecto invernadoiro, redúcese a pegada de carbono, e colabórase coa redución do cambio climático.

Programa de mellora da competitividade e de dinamización do patrimonio histórico con uso turístico

O obxecto desta liña de axudas, impulsadas polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, é dar resposta ás necesidades de financiamento de proxectos sostibles de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico con uso turístico.

Trátase de axudas en réxime de concorrencia competitiva para promover a mellora da competitividade dos destinos turísticos e potenciar o turismo cultural mediante a protección, mantemento e rehabilitación, de proxectos promovidos por parte de entidades locais ou comunidades autónomas en bens inmobles do patrimonio histórico declarados bens de interese cultural ou dalgunha das categorías de protección equivalente para patrimonio cultural inmoble establecidas polas administracións competentes con uso turístico.

Os proxectos terán un investimento máximo de 3.000.000 de euros, sendo o importe do financiamento para conceder dun 100% sobre o orzamento do proxecto considerado financiable. Neste senso, non se contempla o cofinanciamento municipal, sendo integramente subvencionables os gastos totais do proxecto. A realización do mesmo, deberá estar finalizado antes do 31 de marzo de 2026.