Skip to main content
Lugo

Adega realizar este domingo unha ruta polos canóns do río Mao, en Ribas de Sil

Por 18 Maio, 2023Sin comentarios

O vindeiro domingo 21 de maio, cambiamos o percorrido que estaba previsto polo Invernadoiro para coñecer os canóns do río Mao. Guiados por Ramsés Pérez, coordinador da equipa de Educación Ambiental de Adega, farase este percorrido lineal duns 8 quilómetros de lonxitude, e de dificultade media-baixa. A saída do autobús será ás 9.00 horas dende a Escola de Maxisterio.

O autobús deixerá aos participantes na parroquia de Forcas (San Mamede), no concello de Ribas de Sil, nas inmediacións da ponte medieval de Canceliñas. A partir de aí, gozando dunhas vistas incríbeis, avanzarán sen moito desnivel pola canle vella, que os leva á necrópole medieval de San Vítor. Datada entre os séculos IX e X, este cemiterio alto-medieval relacionado coas comunidades rurais anteriores á reorganización parroquial do século XII, mostra varias tumbas escavadas en rocha, sepulcros antropomorfos con orientación leste-oeste.

Segue o percorrido ate dar de novo a San Lourenzo onde espera unha panorámica do gran canón galego, o río Sil, desde onde comezarán o descenso ate a fábrica da luz.

Esta fábrica, convertida en albergue, cantina e centro de formación, debe o seu poético nome a que naceu como central hidroeléctrica. En 1914 a empresa La Gallega levantou La Escalada, unha das primeiras instalacións edificadas na Galiza para aproveitar a enerxía da auga e producir electricidade. Xunto coa central, a empresa construíu unha canle, a ‘canle vella’. A auga que levaba ese canal ía parar á ‘fábrica da luz’, onde estaban as turbinas que xeraban a electricidade que subministraba a Monforte de Lemos, Ourense e a moitas das aldeas da Ribeira Sacra.

Para participar é necesario inscribirse antes do venres 19 de maio ás 13h chamando ao 982240299 ou a través do formulario de reserva https://roteirosadegalugo.wordpress.com/reserva/ Toda a información na web de Adega (www.adega.gal).