Skip to main content
Lugo

O Concello propón á Xunta unha permuta de terras para construír vivenda pública

Por 19 Maio, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, interveu na reunión técnica organizada para paralizar definitivamente o proceso de construción de vivenda pública no Castiñeiro.

Un encontro ao que a rexedora, que estivo acompañada pola tenenta de alcaldesa de Gobernanza, Paula Alvarellos, acudiu xa cunha proposta de protocolo de colaboración para materializar unha permuta dos terreos afectados, “mostra fidedigna da vontade de colaboración que, neste asunto, o Concello tivo en todo momento”, asegurou.

Lara Méndez lamentou a ausencia da conselleira de Medio Ambiente na xuntanza, quen – entendía – debía ser a interlocutora directa, se ben a mandataria lucense concibiu a reunión como o escenario perfecto para, por unha banda, poñer claro sobre escuro á confusión ocasionada polas declaracións contraditorias da Xunta de Galicia e, pola outra, para coñecer as causas do cambio de parecer da plataforma veciñal sobre a solución á situación.

“En todo momento dende o Executivo local estivemos ao carón da veciñanza, receptivos ás súas peticións tanto cando estas pasaban por un acordo plenario para modificar no PXOM os usos da parcela da rúa Ramón Piñeiro – e ao que a Corporación chegou de forma unánime, respectando a súa vontade – como agora, cando solicitan que o primeiro paso sexa a permuta”, sinalou Méndez.

A rexedora recordou tamén a súa predisposición incial a estudar esta posibilidade para o que “ante a falta de avances – ao comprobar, semana tras semana, que a Xunta seguía sen cancelar a adxudicación do contrato de redacción do proxecto – tomamos a iniciativa de solicitar este encontro de carácter técnico co fin de poder esclarecer que tramitación resultaba máis áxil e conveniente para o interese público, deixando patente, unha vez máis, a nosa permanente vontade cooperativa nesta cuestión”.

Lara Méndez aproveitou a xuntanza para facilitar ao delegado territorial – escollido como interlocutor do Goberno galego – o protocolo de colaboración para materializar a permuta xa elaborado polo Concello de Lugo para avanzar na súa sinatura, así como o informe da Asesoría Xurídica municipal no que se considera que coa aprobación e remisión do acordo plenario sinalado, quedaba suficientemente acreditado o interese xeral da paralización.

“Cómpre agora que a Xunta analice o texto para poder alcanzar un acordo que non prexudique aos intereses económicos de ambas as dúas Administración, ao tempo que os técnicos quedaron emprazados para unha seguinte reunión”, aclarou a alcaldesa.

“Iso sí, aínda que trataremos que a sinatura do protocolo de colaboración sexa o máis rápida posible, lle recordamos á Xunta o feito de que o tempo sigue correndo e que resulta imprescindible paralizar o procedemento do Castiñeiro para poder inicialo noutro lugar onde o Instituto Galego de Vivenda e Solo xa dispón de terreos para construír vivenda protexida, aproveitando os fondos europeos, que non se poden perder”.

“No noso municipio hai máis de 1.300 persoas demandantes de vivenda social ás que resulta perentorio ofrecer opcións accesibles de habitabilidade. Instamos á Xunta a deixar de mirar para outro lado e atendelas, logo de 15 anos continuados de desleixo absoluto para con Lugo nesta materia”, sostivo Lara Méndez.

XUNTA

Neste sentido, desde a Xunta aclararon que “o documento que entregaron dende o Concello ao peche da xuntanza, a modo de borrador de convenio, non responde para nada ao  acordado na reunión e ao que comunicaron nesta xuntanza”.

Ademais, quedou fixada unha nova reunión para o martes da próxima semana, na que os técnicos municipais e autonómicos aborden as cuestións xurídicas do futuro convenio así como definir as parcelas nas que se poderán construír as vivendas públicas.