Skip to main content
Lugo

500 escolares participan nas xornadas de Protección civil sobre emerxencias

Por 19 Maio, 2023Sin comentarios

Na sesión de mañá, aberta ao público, os servizos de emerxencia do municipio farán un simulacro para amosar como traballan coordinadamente na abordaxe dun accidente.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada dos edís de Xuventude, Mauricio Repetto, e Gobernanza, Paula Alvarellos, participou este venres nas actividades organizadas por Alcaldía e Protección Civil, coa colaboración da Fundación Maphre e Sidegal, enmarcadas na Semana de Prevención de Incendios do Concello, co obxectivo de informar á poboación sobre como actuar en caso de incendio e como evitar riscos, amosando o labor que desenvolven os servizos de emerxencia que operan no municipio.

Un total de 500 alumnos e alumnas dos centros CEIP Anexa, CEIP As Mercedes e dos Colexios Maristas de Lugo e María Auxiliadora participaron ao longo da xornada do xoves e deste venres. A iniciativa continuará mañá cunha sesión aberta ao público en xeral, na que os servizos de emerxencia do municipio farán un simulacro para amosar como traballan coordinadamente na abordaxe dun accidente.

Deste xeito, tal e como lembrou a alcaldesa “trátase de achegar formación e coñecementos tanto ás xeracións máis novas como ao público en xeral, difundindo nocións básicas que nos permitan actuar correctamente en caso de presenciar algún lume ou de sufrir un accidente”.

Durante o xoves e o venres o alumnado participou nunha sesión de dúas horas de duración (a razón de dúas quendas cada mañá, de 09:15 a 11:15 horas e de 11:30 a 13:30 horas) na que tiveron oportunidade de coñecer polo miúdo o traballo que se desenvolve durante un rescate acuático, con acceso ás embarcacións, a un dron e ao material de rastrexo e busca en barrancos, co fin de descubrir a loxística empregada nun operativo deste tipo e os protocolos de activación de emerxencias.

A rapazada recibiu, tamén, unha charla de prevención, con proxección de vídeos, durante a cal puideron trasladar todas as súas preguntas ou dúbidas para, a continuación, mergullarse nun labirinto creado a propósito pola Fundación Maphre –que colabora na programación– que emulou o percorrido por unha vivenda chea de fume, neste caso inocuo para a saúde.

A continuación os bombeiros de Lugo realizaron tres demostracións para ensinar como se debe combater o incendio dun líquido cun extintor e con espuma, como facer fronte a un lume nun cadro eléctrico cun extintor de C02 e como sufocar unha tixola de aceite ardendo cunha tapa ou manta ignífuga, ao mesmo tempo que visualizarán a reacción que produce o intento de apagalo con auga.

Programación do sábado

Este sábado, 20 de maio, terá lugar unha xornada aberta ao público en horario de 10:30 a 13:00 horas, coa que contará cunha demostración por parte dos Bombeiros e, posteriormente, cun simulacro ao abeiro da campaña de concienciación sobre os riscos nos accidentes de circulación. Nesta actividade participarán a Policía Local, a Policía Nacional, Garda Civil, DGT, Cruz Vermella e os Bombeiros Forestais que explicarán en que consiste o seu traballo nun sinistro de tráfico.

Desta forma, a Policía Local reproducirá como abordan as colisións, realizando unha descrición do que se atopan, as posibles causas e os riscos da contorna ao mesmo tempo que se encargan da súa sinalización e de avisar ao resto de intervenientes. Os bombeiros avaliarán o escenario e aos ocupantes, aos que rescatarán antes de que estes sexan atendidos no lugar polos sanitarios, que darán conta de como se debe afrontar o manexo de feridos, cales son as lesións máis habituais ou a importancia de facer uso dos sistemas de retención infantil, entre outros aspectos.

A alcaldesa, Lara Méndez, convidou á poboación a participar na actividade.