Skip to main content
Lugo

O paseo fluvial acolle o domingo unha mostra de xogos tradicionais galegos e portugueses

Por 20 Maio, 2023Maio 21st, 2023Sin comentarios

O paseo fluvial do Miño acollerá este domingo, de 17:00 a 20:00 horas, a carón da pasarela de Alfonso X e do parque infantil, unha mostra de xogos tradicionais galegos e portugueses dentro da programación posta en marcha polo executivo de Lara Méndez con motivo da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. “Nesta era da tecnoloxía é importante non esquecer que existe todo un amplo abano de entretementos tradicionais cos que encher o tempo de lecer”, apuntou a rexedora.

Méndez convidou a toda a cidadanía “independemente da idade, pois os xogos forman parte da nosa vida” a achegarse ao entorno fluvial a “coñecer ou lembrar todos aqueles xogos tradicionais e populares, de ambas beiras do río Miño, cos que tanto os nosos e as nosas maiores, coma nós, as xeracións máis novas, ocupamos as nosas horas”.

Neste senso, a programación incluirá bolos celtas ou birlos, buxainas, carreira de sacos, os zanchos, tirar da corda, o pano, a mariola e o aro. Toda a información sobre esta actividade, así como do resto da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico pode consultarse a través da páxina we www.lugocapitaldacultura.com, onde se atopan actualizados os horarios, ubicacións e datas das diferentes iniciativas que terán lugar ao longo do ano na cidade amurallada.