Skip to main content
Lugo

Lara Méndez defende o Plan de Turismo Sostible que acadou de Europa

Por 21 Maio, 2023Sin comentarios

A alcaldesa e candidata socialista reuniuse cos colectivos do Arde Lvcvs a avanzoulles que “tras conquistar Madrid coas tropas romanas e castrexas, asaltaremos Nova York”.

A alcaldesa e candidata socialista, Lara Méndez, activará no novo mandato o Plan de Turismo Sostible Lugo, que contará cun financiamento de dous millóns de euros procedentes de fondos europeos, “co que buscamos impulsar unha oferta de calidade e de experiencias, situando ao municipio como un destino competitivo de ámbito nacional e internacional cunha demanda non estacional”.

Para iso, se aproveitará “todo o noso potencial histórico e patrimonial -contamos con tres Patrimonios da Humanidade- e natural, así como gastronómico, que será os piares que nos axudarán a transformar o sector, xerando produtos e experiencias turísticas innovadoras”. O Plan incorpora accións de apoio ao emprendemento no sector turístico.

Neste senso, o Plan incluirá, sostivo, “un plan de mercadotecnia de destino, unha ambiciosa estratexia de comunicación dixital e o deseño de produtos que ensinen a nosa riqueza patrimonial a través da realidade aumentada”.

Méndez apuntou que “toda a nosa riqueza natural e as nova dotacións que creamos no Miño, como as Caldas ou o Centro de Enogastronomía, no que se converterá a Fábrica da Luz e que está incluído no Plan de Turismo Sostible, serán tamén pezas claves neste impulso de dinamización económica”. Como exemplos, “na convocatoria á que nos presentamos aos fondos europeos valoraron moi positivamente a nosa proposta de recuperación de actividades e oficios vinculados coa alimentación e a recuperación de apeiros tradicionais (para cultivo, elaboración de alimentos, etc.) e embarcacións (batuxos para navegar e pescar polo Miño)”.

A alcaldesa apuntou a importancia de seguir potenciando as tres grandes citas festivas de Lugo, o San Froilán, o Caudal Fest e o Arde Lvcvs. Así transmitiullo onte aos colectivos desta celebración de recreación histórica, que neste mandato acadou o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional.

Ademais, xa lles anunciou que “tras a conquista de Madrid deste ano das nosas tropas romano-castrexas, o paso seguinte será conquistar e asaltar outras capitais internacionais como Nova York, neste propósito de ser competitivos non só no ámbito nacional senón tamén mundial”.

Por outra banda, a rexedora comprometeuse cos colectivos a reforzar o coñecemento da cultura romana castrexa entre os máis pequenos, “para que os campamentos teñan relevo xeracional”.