Skip to main content
Lugo

Rubén Arroxo afirma que creará dous novos parques infantís cubertos

Por 21 Maio, 2023Sin comentarios

O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou a creación de dous novos parques infantís cubertos a partir do 28 de maio se é alcalde. Arroxo afirmou que “habilitaremos un novo parque infantil na praza do Camiño primitivo, outro na Fonte dos Ranchos, garantindo que toda a veciñanza teña dispoñible un parque cuberto preto do seu fogar”.

O candidato nacionalista explicou que “desde a alcaldía de Lugo seguiremos atendendo aos barrios igual que estes anos”, e engadiu “no último mandato fixemos un importante esforzo por dotar de servizos a todos os barrios, en Fontiñas pode comprobarse coa pasarela do Centro de Saúde de San Roque, unha infraestrutura importante que permitiu mellorar a accesibilidade garantindo o acceso ao centro de saúde”.

Arroxo defendeu a creación dun novo parque infantil na praza do Camiño Primitivo, e explicou que “actualmente, as zonas de xogo para as nenas e nenos máis próximas están en San Roque e na rúa Novo Freire”. Segundo Rubén Arroxo, “con esta nova zona, toda a veciñanza do barrio terá unha zona de xogos preto da casa”.

O segundo parque cuberto, ubicado na Fonte dos Ranchos “completará a dispoñibilidade destas zonas de xogos para as nenas e nenos”. Así, segundo explicou Arroxo, “todas as persoas terán un parque cuberto preto, contando co de Agro do Rolo e Augas Férreas, xa existentes, nas zonas norte e sur, e cos novos de Fontiñas e da Fonte dos Ranchos para cubrir o leste e o oeste da zona urbana”.

Arroxo defendeu que “desde o BNG presentámonos cun programa realizable, con preto de 150 medidas para completar o cambio que Lugo precisa”. O candidato nacionalista lembrou que “neste mandato, coa Tenencia de Alcaldía, fomos quen de cumplir o 95% das propostas de programa das áreas do concello que xestionamos”, e engadiu “xa demostramos que o BNG sabe gobernar Lugo e facer do noso concello un lugar mellor”.

Na xornada de onte, o BNG participou na mobilización da veciñanza de Nadela, que reclama á Xunta de Galiza un maior control das emisións de gases das instalacións de Tableros Hispanos, e puxo mesas informativas no centro da cidade e na Milagrosa. A xornada rematará cun encontro do candidato á Alcaldía, Rubén Arroxo, coa veciñanza da Milagrosa na praza Agro do Rolo.