Skip to main content
Lugo

Eupati-España organiza no Hula unha xornada sobre ensaios clínicos

Por 21 Maio, 2023Sin comentarios

O sábado celebrouse  o Día Internacional dos Ensaios Clínicos, data que conmemora o primeiro ensaio clínico da historia, que foi realizado por James Lind en 1747 e que sentou as bases para a investigación clínica.

Aquel ensaio trataba de identificar a causa do escorbuto que afectaba os mariñeiros da Armada Británica.

No desenvolvemento dos medicamentos os pacientes cada vez teñen un peso maior, polo que é preciso que teñan formación completa e veraz sobre os ensaios clínicos e o que supón a súa participación. Nese contexto en 2012 nace Eupati, a Academia Europea de pacientes para a innovación terapéutica, un proxecto europeo integrado na Iniciativa de Medicamentos Innovadores (IMI) e formado por representantes de diversas organizacións de pacientes e cofinanciado pola Comisión Europea e a Efpia. En 2018 nace Eupati-España, a plataforma española, con entidade xurídica propia e funcionamento independente para atender as necesidades específicas de España, pero sempre baixo o paraugas europeo.

Así, con motivo da conmemoración do Día Internacional dos Ensaios Clínicos, a asociación Eupati-España vai levar a cabo unha serie de actividades informativas durante a semana do 17 ao 25 de maio, dando difusión a temas de interese relacionados coa investigación e os ensaios clínicos baixo o título Semana dos Ensaios Clínicos, Investigamos xuntos?

Como actos centrais da semana, o 17 de maio celebrouse unha primeira xornada no Salón de Actos da Fundación ONCE de Madrid baixo o título Ensaios clínicos: Aprendendo e mellorando e o día 22 de maio celebrarase en Lugo unha segunda xornada titulada Ensaios clínicos: do hospital ás persoas. Esta xornada, aberta a toda a cidadanía, terá lugar no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo en horario de 13 a 15 horas e nela poñerase en valor a investigación clínica en xeral e a realizada desde os centros investigadores de Galicia en concreto, con especial interese en dar a coñecer Innovatrial.

A inauguración da xornada correrá a cargo do Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, e o seu peche será realizado polo xerente da área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico. Na devandita xornada intervirá o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández Campa, que será entrevistado polo xerente da liga Reumatolóxica Galega, José González León, a fin de dar a coñecer Innovatrial. As asociacións de pacientes terán a súa representación a través do presidente da Asociación Española de Cancro de Pulmón (AECAP), Bernard Gaspar, que, xunto ao director de innovación de EUPATI, Roberto Saldaña, presentarán as innovacións que levan a cabo desde as propias asociacións. A continuación, terá lugar unha mesa redonda sobre o tema da xornada que será moderada por Fátima Rodríguez Moreda como representante de EUPATI e nela intervirán Ana Vázquez Lojo, presidenta da liga Reumatolóxica Galega e a liga Reumatolóxica Española, José Valenzuela Mendoza, representante da Axencia Española do Medicamento e o Produto Sanitario (AEMPS), Sergio Vázquez Estévez, xefe de servizo de Oncoloxía Médica do HULA, Susana Romero Yuste, reumatóloga e presidenta do Comité de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm), e Amelia Martín Uranga, representante de Farmaindustria.