Skip to main content
Lugo

O PP denuncia que o cableado aéreo non se soterrará nas obras de peonalización do casco histórico

Por 25 Maio, 2023Sin comentarios

Segundo explica o PP, as obras de peonalización do casco histórico seguen a xerar polémica, xa que ás queixas de veciños, autónomos e comerciantes pola imposición dos traballos por parte de Lara Méndez, sen buscar consensos, agora hai que engadir que o cableado das fachadas dos edificios non se soterrará, a pesar de que a rexedora asegurou que este sería un dos beneficios das obras que se están a executar.

Explican os concelleiros populares que segundo se recolle no prego de condicións para a redacción dos proxectos das actuacións no centro histórico de Lugo para a realización das Zonas de Baixas Emisións, financiadas por axudas de EU mediante os fondos Next Genaration EU, establece que no apartado alcance do contrato, entre outros condicionantes, está o seguinte: “Para iso, substituirase o pavimento existente e soterrarase o cableado aéreo existente ou que discorre pegado ás fachadas das edificacións”.

Deste xeito, o proxecto debería incluír os traballos necesarios para retirar o cableado existente que discorre polas fachadas, substituílo e executar as canalizacións necesarias para soterralo de xeito que se cumpra co establecido no PEPRI. De feito, no punto 3 do prego de licitación establécense uns condicionantes para ter en conta no proxecto pola afección e impacto que teñen no conxunto da actuación.

Un dos eidos máis graves que detectan os populares en relación ao soterramento do cableado é que “non existe partida algunha para os traballos de retirada do cableado das fachadas, de reposición do cableado pola parte soterrada da instalación, nin os traballos de conexión ata as caixas de acometida ou comunicacións”. Deste xeito, o proxecto non se axusta ao establecido no prego de condicións, pois non se indica como retirar os cables das fachadas e repoñer as instalacións de forma soterrada como tampouco se indica a quen corresponde a execución deses traballos, nin tampouco se houbo conversacións nas compañías distribuidoras ou prestatarias dos servizos para acometer estes traballos e realizalos de forma coordinada, tal e como se indica nos condicionantes que establece o prego.

Os populares tamén sinalan que “da revisión das memorias e anejos do proxecto, non se dá conta de ningunha análise da situación actual do cableado de enerxía eléctrica de baixa tensión nin dos cableados das instalacións de telecomunicacións”.

No PP temen que “non se executará o soterramento destas infraestruturas e que todo o cableado seguirá visible nas fachadas dos edificios”, como xa sucedeu na recente actuación na rúa Quiroga Ballesteros, onde o cableado permanece nas fachadas dos edificios “unicamente pola falta de previsión”.

Dende o PP instan ao equipo de goberno a poñerse en contacto coas empresas prestadoras dos servizos de enerxía eléctrica, telecomunicacións… para coñecer se van a realizar algún tipo de actuación para retirar os cables das fachadas e, no caso de realizalo, quen se encargará dos traballos, dos gastos que conleva e dos prazos de execución.

SOBRECUSTES DAS PEONALIZACIÓNS DO CASCO HISTÓRICO

O Concello de Lugo ten concedidas axudas a través de fondos NextGeneration por valor de 4.430.502€, axudas que levan aparelladas o compromiso do Concello de realizar achegas do 10% do importe total da actuación así como do IVE derivado da materialización das actuacións en relación coas Zonas de Baixas Emisións.

A realidade é que o Concello de Lugo ía financiar con fondos propios, segundo os datos iniciais, as actuacións un total de 1.521.028,20€ (25,56% do total do investimento), para un investimento total das actuacións por importe de 5.951.530,20€.

Ata a data adxudicáronse sete contratos que se corresponden coa redacción dos proxectos construtivos (todos nun único lote), a execución das actuacións entre Bispo Odoario e Praza de San Fernando, as obras na contorna da Praza de San Fernando, a dirección de obras nos dous ámbitos anteriores, as obras en Rúa do Teatro – Praza de Santo Domingo, a dirección de obra da mesma e a redacción do proxecto de posta en marcha e control. Quedan por licitar as obras e infraestruturas necesarias para a posta en marcha e control que segundo o prego da redacción do proxecto non pode superar os 334.500€.

Analizando o custe total das actuacións, que inicialmente se anunciaron en 5.951.530,20€, terán un custe final de 8.661.927,54€, pasando a achega inicial do Concello de Lugo de 1.521.028,20€ a 4.231.425,54€ (o 10% e o IVE), é dicir, un incremento de 2.710.397,34€, ou o que é o mesmo un 278,20% máis de achega por parte do Concello de Lugo respecto ao publicado e comprometido “o que nos achega serias dúbidas sobre a viabilidade do proxecto”.

Deste xeito, a axuda da unión europea é de 4.430.502€ (un 51,15% do importe das obras) mentres que todos os lucenses desembolsaremos 4.231.425,54€ (un 48,85%, cando inicialmente a previsión da achega con fondos propios era do 25,56%).

Os populares recalcan que todos os datos aportados son os que figuran para cada unha das actuacións segundo constan nos documentos obtidos da Plataforma de Contratación do Estado, mentres que para a actuación de posta en marcha e control reflíctese o importe indicado no prego de redacción do proxecto, sen que haxa garantías de que ese importe non sexa superior.

No PP tamén cuestionan ao goberno local polos atrasos no inicio das obras da Praza de Santo Domingo xa que temen que “se deban á falta de fondos”, polo que preguntan se “este atraso podería provocar o incumprimento do contrato ou a perda das axudas”.