Skip to main content
Lugo

Lara Méndez anuncia o obxectivo de facer de Lugo un centro empesarial de bioeconomía

Por 25 Maio, 2023Sin comentarios

A alcaldesa avanzou os detalles da estratexia durante o encontro que mantivo co tecido produtivo da cidade, ao que tamén asistiu o ministro de Inclusión e Seguridade Social. José Luis Escrivá cualificou de “loable e innovador” a aposta decidida que o Goberno de Lara Méndez fixo pola colaboración público – privada, a través do Lugo Transforma, para revitalizar a economía local.

A alcaldesa, Lara Méndez, trasladou ao tecido empresarial da cidade a próxima creación dunha contorna empresarial con “denominación de orixe lucense que nos converterá no centro de Galicia en canto a investigación e capacitación en bioeconomía”.

“Un Distrito Zero, enmarcado nun espazo urbano concreto, que vai pular polo desenvolvemento dun novo modelo produtivo e cidadá, xa que pretende aunar esforzos e colaboracións dende a Universidade até as entidades públicas e tamén privadas”, avanzou a rexedora.

Méndez achegou as súas propostas de diversificación industrial do municipio no marco do encontro co sector produtivo mantido, xunto ao ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, na sede da Cel.

“Logo de poñer en marcha unha Estratexia de Recuperación Económica – na que se integra o fondo de capital risco Lugo Transforma (dotado con 12 millóns de euros e un millón máis procedente da iniciativa privada) para atraer investimentos á cidade e de ter impulsado outras medidas como a mesa de traballo con todos os axentes sociais do municipio, cremos que chega o momento de establecer en Lugo un ecosistema especializado e innovador no que teñan cabida empresas, centros de investigación e investidores”, explicou a alcaldesa.

A este respecto, o titular da carteira de Inclusión enxalzou as accións iniciadas. “La importancia que tiene la colaboración público – privada se manifiesta, en el caso de Lugo, con el programa Lugo Transforma que ha tenido tanto empuje por parte del Ayuntamiento. Yo creo que éste es el camino a seguir, trabajar conjuntamente entre los empresarios y las Administraciones públicas para que aquellas iniciativas o propuestas que requieren un impulso de capital, una semilla en origen, tengan esos recursos financieros tan necesarios y ahí el compromiso público es muy importante y muy loable e innovador lo que se está haciendo en Lugo”, sinalou Escrivá.

Xa con relación ao Distrito Zero, Méndez apuntou que se trata dunha iniciativa que terá por obxectivo desenvolver novos modelos de negocios asociados á sostibilidade nos que as actividades de I+D+I teñan un peso específico.

“A nosa vontade é poder ofrecer apoio á diversificación do sector agroalimentario e forestal, a aquelas empresas que queiran realizar un cambio de paradigma cara modelos máis sustentables, máis innovadores e con maior valor engadido, prestando axuda financeira para favorecer o desenvolvemento de infraestruturas e servizos de negocios especializados na bioeconomía”, debullou a rexedora.

“Queremos sentar as bases para atraer talento altamente cualificado nestas áreas de coñecemento implicando no proxecto tanto a persoas emprendedoras como a compañías xa establecidas, a centros de investigación e innovación, ás Administracións públicas e tamén á cidadanía”, apuntou.

Lara Méndez delimitou este Distrito Zero no espazo comprendido entre o CEI – Nodus, o Barrio Multiecolóxico, as zonas do Lugo Biodinámico e o Polígono Industrial das Gándaras.

“Trazaremos tres eixes de actuación: o residencial, o industrial e a innovación”.

“O eixe residencial enmarcarase no barrio multiecolóxico, que servirá para ofrecer espazo habitacional sustentable ao persoal e directivos vinculados coas empresas bioeconómicas. Contará, alén, con servizos públicos e de negocios – como un networking de empresas con espazos para eventos, actividades de formación especializada, lugares de reunión e oficinas, ao tempo que servirá como atracción de talento individual, emprendedor e como promotor de experiencias piloto de solucións de aloxamento”, referiu a mandataria lucense.

“En canto ao eixe industrial, está chamado a ser un polo de innovación que atraerá a grandes empresas do sector que actúen como tractoras do desenvolvemento bioeconómico e que contará con chan industrial – reservado exclusivamente para empresas que teñan un vínculo coa bioeconomía -, con infraestruturas nunha sorte de centro de servizos e mesmo cun show room (que podería asentarse no edificio Impulso Verde) destinado a probas de concepto e demostración de tecnoloxías que poderán ser explotadas por empresas cunha clara orientación á sustentabilidade”.

Por último, sobre o eixe da innovación, Lara Méndez avanzou que contará con un Bio Living Lab: “un laboratorio de ideas para o desenvolvemento de novos proxectos de I+D+i e novos modelos de negocio, con participación de emprendedores, empresas e cidadanía e que tamén servirá como xerador das iniciativas que posteriormente se desenvolvan”.

“Apostamos tamén por crear unha Bio Aceleradora que favoreza, precisamente, a aceleración de novos proxectos empresariais que incluirá o asesoramento e tutorización dos mesmos, así como a mentorización, a localización física e o apoio financeiro. E temos previsto impulsar, así mesmo, un Bio Learning Factory, para a capacitación de persoas emprendedoras e empresas en competencias dixitais asociadas ao campo da bioeconomía”, indicou a rexedora.

Unha liña, esta última que incluirá simuladores e xemelgos industriais para formar ás persoas interesadas e para xerar un ecosistema de empresas tractoras, auxiliares e emprendedores que fomenten e faciliten a transición á bioeconomía.

Finalmente, antes de rematar, a alcaldesa lucense agradeceu á Confederación de Empresarios o seu traballo e implicación, “así como a estreita colaboración que o Concello mantén coas entidades empresariais que forman parte dos proxectos público – privados que estamos a desenvolver no que é unha forma de traballar exemplarizante para outros territorios porque na unión e nas sinerxías gañamos todas e todos e, sobre todo, gaña Lugo”, concluíu Lara Méndez.