Skip to main content
Lugo

A Castrexa súmase ao patrimonio artístico de Lugo, convertida en museo ao aire libre

Por 27 Maio, 2023Maio 28th, 2023Sin comentarios

A piques de finalizar o proceso creativo de A Castrexa, o novo mural impulsado pola Alcaldía de Lugo loce xa na Rolda da Muralla como un tributo ao pasado castrexo da cidade, xusto cando o municipio está ás portas de celebrar o primeiro Arde Lvcvs considerado como Festa de Interese Turístico Internacional.

A propia rexedora, Lara Méndez, trasladaba os seus parabéns polo resultado da obra ao autor, Manuel Pallín (Concepto Circo).

“Non cabe dúbida de que a Castrexa é xa outro dos patrimonios artísticos de Lugo o que axudará a impulsar a súa imaxe como cidade convertida en museo ao aire libre. Unha condición á que se chega logo da aposta decidida que fixemos dende o Concello por embelecer os espazos públicos a través da arte urbana, humanizándoos e facéndoos máis atractivos e confortables para a convivencia da veciñanza”, afirmou Lara Méndez.

O mural súmase, así, ás actuacións levadas a cabo na rúa do Esquecemento, emblema da rexeneración urbanística á que facía mención a alcaldesa, pero tamén ás intervencións das Casas Sindicais ou a Praza da Liberdade, dentro dun programa moito máis amplo no que o Executivo de Lara Méndez empregou a creatividade do graffiti como ferramenta de integración social e capacitación da mocidade lucense.

A obra, está pintada cunha gama cromática de grises e beiges para ser respectuosos coa contorna da Muralla, nunha fachada de 20 metros de alto na Rolda, e representa a unha guerreira castrexa ataviada cos elementos característicos como son as prensas, xoias e armas.

Para a súa elaboración, Manuel Pallín contou co asesoramento da directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, e do arqueológo municipal, Enrique Alcorta.

Sobre o espazo elixido, Méndez explicou que “se trata dun lugar con moito tránsito e que permite a súa observación dende o propio adarve da Muralla o que seguro lle outorga versatilidade como ‘selfpoint’ para que tanto as e os visitantes como o conxunto da cidadanía poida sacar as súas propias imaxes e instantáneas, como está a suceder xa co mellor mural do mundo de 2021, o Julio César de Diego As, vinculado ao legado romano”, sostivo.

O Executivo local leva impulsando a arte urbana desde hai doce anos (2009) como unha forma de expresión que “non só embelece ao conxunto do municipio, senón que tamén permite enxalzar ideas e mesmo a nosa identidade”, concluíu a rexedora.