Skip to main content
Lugo

O BNG leva ao Parlamento galego o conflito do convenio do Metal de Lugo

Por 27 Maio, 2023Sin comentarios

Insta á Xunta a emprender accións para incrementar o poder adquisitivo dos salarios dos traballadores e traballadoras.

O BNG leva ao Parlamento galego o conflito do convenio do metal de Lugo e insta á Xunta a emprender todas as accións necesarias para que as partes acaden un acordo que garanta o poder adquisitivo dos salarios do persoal afectado polo Convenio colectivo das Industrias da siderometalurxia da provincia de Lugo.

O portavoz de industria do BNG, Ramón Fernández Alfonzo, (Mon), xunto aos deputados Olalla Rodil e Daniel Castro afirman que a actual situacións do persoal afectado “é insostible”, soportando os salarios máis baixos dos convenios do mesmo sector respecto das outras provincias galegas. Os deputados e deputadas do BNG, sinalan que esta circunstancia provoca “un grande impacto social e económico” en toda a provincia con máis de 5.000 persoas do colectivo afectadas.

Mon Fernéndez explica que o Convenio colectivo para as industrias da siderometalurxia da provincia de Lugo, que inclúe tamén o comercio metal, rematou o período da súa vixencia o pasado 31 de decembro do ano 2021 e na actualidade, as partes están nun proceso de negociación no que a patronal non acepta establecer no convenio “unha cláusula de revisión salarial que garanta a actualización dos salarios conforme ao IPC”, negativa que xa provocou a resposta dos traballadores e traballadoras con varias xornadas de folga que poden prolongarse de non acadar un acordo.

Perda do poder adquisitivo de 12,1 puntos, en menos de dous anos e medio

Desde o ano 2021, engade o nacionalista, o IPC en Galiza sitúase en 14,6 puntos, mentres que neste período os salarios do persoal das industrias da siderometalurxia de Lugo viron incrementados os salarios nun 2,5%, é dicir, “levan acumulada unha perda de poder adquisitivo de 12,1 puntos en menos de dous anos e medio”.

A proposición non de lei rexistrada polo BNG no Parlamento galego buscará o acordo de todas as forzas parlamentarias para instar á Xunta a “implicarse activamente e evitar a perda de poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras” ademais de garantir un poder de “compra fundamental” para soster a economía en xeral e nomeadamente a economía da hostalaría e comercio local, sectores gravemente prexudicados pola redución do gasto das familias.

O BNG, recalca o nacionalista, solicitará ao Parlamento de Galiza instar á Xunta a promover as accións necesarias para conseguir que as partes cheguen a un acordo que garanta o poder adquisitivo dos salarios do persoal afectado polo Convenio colectivo das Industrias da siderometalurxia da provincia de Lugo.