Skip to main content
Monterroso

O BNG defende un “proxecto rigoroso e con ideas claras” para Monterroso

Por 22 Maio, 2023Sin comentarios

O Bloque desenvolveu un acto público aberto xunto co candidato do BNG á alcaldía de Monterroso, Brais Vázquez, e a deputada por Lugo do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil.

O Bloque Nacionalista Galego en Monterroso desenvolveu no salón de actos do centro sociocultural un acto público aberto, onde a organización deu a coñecer á veciñanza o programa de goberno e as propostas en positivo para o municipio.

Interviñeron o candidato do BNG á alcaldía de Monterroso, Brais Vázquez, a deputada do BNG por Lugo no Parlamento galego, Olalla Rodil, e diversas persoas integrantes da candidatura nacionalista.

Brais Vázquez declarou “Monterroso merece máis, merecemos un goberno municipal serio, con capacidade para mellorar a calidade de vida de todas e todos, no que a veciñanza sinta orgullo de contar cun concello máis dinámico e que faga valer os nosas capacidades” e subliñou “é o momento que Monterroso conte cun proxecto rigoroso e coas ideas claras, o BNG é a única alternativa, somos o único proxecto que pode liderar un goberno para avanzar”

Neste senso, o candidato nacionalista á alcaldía destacou “merecemos un goberno municipal que vele e cumpran cos dereitos da veciñanza, merecemos un concello participativo e transparente, que protexa o seu medio e o seu patrimonio para poñelo no lugar que ten que estar, merecemos un Monterroso con futuro e con máis benestar para que a xente quede aquí a vivir e traballar”

Por outra banda, Brais Vázquez salientou “neste 28 de maio temos dúas opcións en Monterroso, ou un goberno liderado polo BNG cun proxecto e gañas de facer avanzar Monterroso ou outro goberno que continúe coa depresión do concello, porque este 28 de maio tamén vai de rexenerar a nosa política local, é necesario a política con maiúsculas, porque é a ferramenta que temos para poder mellorar a vida da nosa veciñanza e o futuro do noso concello”

“Estou convencido que o equipo que lidero e o proxecto do Bloque Nacionalista Galego será a chave que precisa Monterroso para colocalo no lugar que merece, e saír do colapso para poder dar pasos adiante”, concluíu Brais Vázquez.