Skip to main content
Palas de Rei

Ana Corredoira promete en Palas “un modelo baseado na transparencia”

Por 24 Maio, 2023Sin comentarios

A candidata do PSdeG á Alcaldía situará no centro da súa xestión “a vida, a voz, a realidade e as necesidades das persoas” e sinalou que a partir do 28M “miraremos a cada recuncho, a cada parroquia, a cada aldea para estar preto da xente e darlle protagonismo ó territorio”.

A candidata do PSdeG á Alcaldía de Palas de Rei, Ana Corredoira, destacou este martes nun encontro coa veciñanza que tivo lugar na Casa da Cultura que “construiremos neste concello un modelo baseado na transparencia, a claridade e a equidade na xestión do común”. No acto participaron ademais á Secretaria de Organización dos socialistas na provincia e Deputada provincial, Pilar García Porto, e o Delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, entre outros cargos orgánicos e membros do partido.

“A vida, a voz, a realidade e as necesidades das persoas serán o centro da nosa xestión política e a partir do 28M garanto que miraremos a cada recuncho, a cada parroquia, a cada aldea para estar preto da xente e darlle protagonismo ás persoas e ó territorio”, sinalou Ana Corredoira.

A candidata socialista quere un modelo máis participativo, que ademais do territorio dea apoio ó medio rural. Comprometeuse a rehabilitar e manter os edificios municipais para poñer a disposición da veciñanza, como o Centro Comarcal, o Centro de Saúde, a Casa da Cultura ou o Mercado Gandeiro. Ademais, explicou que porá en valor a Biblioteca Municipal e que humanizará a vila e os espazos públicos.

Cre que “urxe atender a rede pública de abastecemento de auga, acondicionada e preparada para soportar a demanda actual da vila”, mellorar a rede de saneamento e a creación dun Padroado Municipal de Cultura, Turismo e Deporte. Impulsar un plan de emprego e atallar a problemática da vivenda no concello serán outras das súas prioridades, xunto co reforzo das políticas sociais e o mantemento das estradas.

Podes ver o vídeo co proxecto desta candidata neste enlace