Skip to main content
O SaviñaoTaboada

As asociacións de veciños de Castelo e de Vilelos asistiron ao Encontro Nacional de Festas Tradicionais con Lume

Por 13 Maio, 2023Agosto 28th, 2023Sin comentarios

Os vindeiros 7 e 22 de setembro terán lugar en Castelo (Taboada) e en Vilelos (O Saviñao) as festas da Queima das Fachas e do Folión das Fachas.

O Folión das Fachas de Vilelos do Saviñao e a Queima das Fachas de Castelo, de Taboada, representadas polas asociacións que traballan nelas para que perduren, asistiron ao IV Encontro Nacional de Festas Tradicionais con Lume celebrado en Jarandilla de la Vera, Cáceres, os pasados 5 e 6 de maio.

Neste evento, o lume é o protagonista, xa que se queiman diferentes tipos de materiais entre os cales podemos destacar agucios, xestas, odres impregnados en pez, resina de piñeiros, así como outros tipos de elementos cos que se adoitan facer unha especie de fachas, e incluso as persoas máis valentes atravesan brasas pisándoas descalzas.

O encontro contou con diferentes actos, nos que os colectivos asistentes achegaron as súas experiencias e inquietudes para intentar mellorar nas próximas edicións e así poder manter viva a memoria de pobos con esencia propia, onde cada evento os diferenza e fai únicos na súa contorna, sendo grandes reclamos para o turismo de zonas que están en alto risco de despoboamento.

Dentro das actividades que programou a organización estaba tamén unha visita guiada polo pobo visitando os distintos monumentos de grande interese patrimonial e adegas que teñen soterradas, todo acompañado dun grupo tradicional.

Tamén se fixo a representación das festas participantes, onde os veciños de Castelo, Taboada, prepararon en directo unha facha como as que queiman o día da Queima das Fachas.

Desde as asociacións explican que “foi un encontro moi interesante que pon en valor lugares nos que a poboación vai diminuíndo, xa que a maioría dos participantes son pequenos concellos de zonas rurais de moi poucos habitantes e cun grande interese cultural e patrimonial que loitan por manter viva a memoria ancestral que durante tantos anos leva creando unha identidade única que debemos manter para non perder a alma dos pobos”.

Así, anuncian que o vindeiro 7 de setembro do 2023, Castelo acollerá a celebración dunha unha nova edición da Queima das Fachas e o 22 de setembro do 2023 será a quenda en Vilelos, no Saviñao, onde prepararán o seu característico Folión das Fachas.