Skip to main content
Chantada

Máis de 250 persoas participaron do acto de apertura da campaña electoral de Por Chantada

Por 18 Maio, 2023Maio 19th, 2023Sin comentarios

Por Chantada organizou o acto de apertura da campaña electoral de cara as eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio no Campo da Feira Vello de Chantada, no que se reuniron 250 persoas.

No acto, interviu inicialmente Juan Ramón Vázquez, número 8 da candidatura, quen apostou hai preto de 20 anos, por emprender na súa vila natal como fisioterapeuta, e é a día de hoxe un profesional de referencia no sector máis aló das fronteiras locais.

Juan destacaba o potencial de Por Chantada para construír unha vila na que as xeracións vindeiras poidan botar raíces: “Por Chantada ten un proxecto realista e de futuro para construír un concello que defenda os intereses comunitarios, que garanta o benestar de todas e todos, con aldeas vivas, con vivenda social, unha vila atractiva accesible e segura con mellores infraestruturas, e con emprego de calidade para a mocidade”, explicou.

Valor do sector primario

Posteriormente, tomou a palabra Ana Rodríguez, número 5 da candidatura, quen destacou a relevancia e potencial económico do sector primario no municipio, e a necesidade de actuar ante a pasividade da actual administración local, xa que “temos viño, temos leite, temos carne, temos turismo e restauración, pequenas empresas e autónomos ligados aos sectores produtivos; e mentres Chantada avanza, o concello queda atrás”.

Así, defende que “é fundamental nun concello coma Chantada, onde o sector primario é tan relevante, contar con persoas coa súa experiencia e coñecemento no agrarismo e en todo o relacionado coa Política Agraria Común. É preciso que dende o concello se preste asesoramento e un apoio efectivo a todo o sector para que poida cumprir os requisitos establecidos na nova PAC e beneficiarse das súas axudas no camiño cara o fortalecemento do tecido socioeconómico das zonas rurais”.

En terceiro lugar, interviu Elena Fernández, número 3 da candidatura, quen destacou importancia de considerar a igualdade dun xeito real e efectivo como aspecto transversal en todas as políticas que se propoñan e desenvolvan a nivel local en todos os ámbitos: “Creo neste proxecto polo compromiso que sempre tivo coa igualdade e non discriminación considerando a transversalidade de todas as súas propostas”.

Finalmente, pechou a quenda de intervencións o candidato á Alcaldía, Antom Fente; quen destacaba que o cambio que busca Por Chantada ten como prioridade absoluta o ben de todas e todos; e que é o momento dun voto “intelixente, esperanzado, ilusionado para vencer calumnia, o medo, e a prepotencia”.

O candidato salientaba tamén a valía, preparación, e experiencia da súa equipa para conseguir o cambio mediante un traballo efectivo e transparente; e a autonomía da agrupación para actuar en glocal reclamando apoios aos niveis institucionais superiores pero sen estar supeditados a eles.

O acto finalizou cunha foto de familia á que se uniron gran parte das persoas asistentes amosando o seu apoio e confianza na candidatura.