Skip to main content
Folgoso do Courel

Abe Rábade e Davide Salvado actúan este sábado no Souto de Miraz no marco da iniciativa CourelSon

Por 31 Maio, 2023Xuño 1st, 2023Sin comentarios

O vindeiro sábado, día 3 de xuño, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel traerá ata o Souto de Miraz o segundo concerto dos seis programados para este ano, da man de Abe Rábade, que presentará o seu traballo ‘Botánica’.

Así, a partir das 20.30 horas este pianista e compositor galego, acompañado do músico e cantante Davide Salvado, presentará o seu proxecto ‘Botánica’, un canto á paisaxe viva herdada dos nosos antepasados. Con máis dunha ducia de gravacións ás súas costas, está inspirado nas paisaxes tradicionais de Galicia.

Ademais, a actuación de Abe Rábade e Davide Salvado será “nun dos escenarios máis espectaculares do Courel, o Souto de Miraz, un espazo para celebrar, desfrutando con todos os sentidos, a resistencia da paisaxe tradicional”, explican desde Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel.

Outras actividades

Ademais do concerto, que será de balde para quen queira achegarse, ao longo de toda a xornada a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel promove, en colaboración coa Fundación Oso Pardo, un traballo de voluntariado de recollida de lixo.

Xusto antes da actuación, as persoas que asistan terán a sorte de desfrutar dunha charla sobre os soutos da man de Pedro Álvarez Álvarez, profesor e investigador da Universidade de Oviedo, unha das persoas que máis sabe destes hábitats no Estado.

O domingo día 4 seguen as actividades cunha visita á Fundación Uxío Novoneyra, que colabora coa programación do CourelSon 2023.