Skip to main content
Monforte

O PP de Monforte busca fórmulas para promocionar o patrimonio cultural e artístico da cidade

Por 16 Maio, 2023Sin comentarios

A candidata do PP á alcaldía de Monforte, Katy Varela, e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, visitaron o museo de arte sacro das Clarisas e estudaron vías de colaboración entre o Concello e a Xunta para promocionar o patrimonio cultural e artístico da cidade.

Katy Varela explicou que “no PP cremos que dende o Concello debe haber máis coordinación cos museos privados que hai en Monforte para poder potenciar toda esta riqueza do noso patrimonio cultural e artístico. No noso programa electoral incluímos varias iniciativas, entre elas, unha tarxeta-museos, que permita visitalos todos”.

Os populares, segundo di Varela, consideran “que en Monforte hai que promover a creación doutros museos, un deles o do calzado, tendo en conta a tradición da industria do calzado nesta cidade”.

Varela destacou “os investimentos efectuados pola Consellería de Cultura para a rehabilitación dos Escolapios e de San Vicente, así como todos os investimentos millonarios nos diferentes centros de educación secundaria que hai en Monforte; na actualidade está en obras o Daviña Rey”.