Skip to main content
Monforte

O programa deportivo de verán do Concello de Monforte inclúe catro grandes actividades para todos

Por 21 Maio, 2023Maio 22nd, 2023Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé, presentou o programa deportivo de verán do Concello, no que se contempla a realización de actividades de diversa natureza para adaptarse aos gustos diversos dos participantes, que van dende fútbol, tenis, natación ou o campamento deportivo que está pensado para a realización de actividades de diversa natureza tanto en cuberto como ao aire libre.

Na maioría das modalidades está previsto un desconto do 50% do custe das actividades para as familias numerosas, facilitando a posibilidade de que todos os núcleos familiares teñan este recurso ao seu alcance e prevese ademáis, a reserva de 6 prazas para persoas con unha discapacidade superior ao 33%.

Actividades do Concello de Monforte este verán

  • Campamento deportivo de verán: Esta actividade pretende aproveitar a recreación deportiva como ferramenta na ocupación do tempo libre e de lecer dos nenos e nenas. O Campamento está distribuído en 3 quendas: do 3 ao 14 de xullo, do 17 ao 31 de xullo e do 1 ao 14 de agosto, en horario de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas. Nesta actividade poderán participar nenos e nenas nados entre o 01.01.2011 e o 31.12.2018 e habilitarase un servizo de transporte tanto para a ida como para a volta da actividade.
  • XVII Campus de fútbol Cidade de Monforte: O Concello de Monforte organiza a décimo sétima edición do Campus de Fútbol Cidade de Monforte – R.C. Celta de Vigo, que ten como obxectivo que nenos e nenas, rapaces e rapazas, poidan gozar dunhas vacacións activas practicando deporte, ademais de ter a oportunidade de facelo da man de monitores que traballan dentro da estrutura dun Club de Fútbol Profesional como e o R.C. Celta de Vigo. Esta actividade celebrarase entre os días 31 de xullo e 4 de agosto en horario de 10.00 a 13.00 horas no Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas. Trátase dunha actividade dirixida a nenos e nenas nados/as entre o 01.01.2009 e o 31.12.2016.
  • Cursos de tenis: Os cursos de tenis están distribuidos en 3 quendas: do 3 ao 14 de xullo, do 17 ao 31 de xullo e do 1 ao 14 de agosto en horario de martes e xoves non festivos con clases de 1 hora de duración a partir das 10.00 horas nas Pistas Municipais de tenis da Pinguela.
  • Cursos de natación: Na piscina climatizada municipal organízanse cursos de natación durante os meses de xullo e agosto dirixidos tanto a nenos e nenas como a persoas adultas. Os cursos de categoría infantil e nenos serán intensivos por quincenas con clases de luns a venres, mentres que os cursos dirixidos a bebes e adultos serán mensuais con dúas clases á semana. Para levar a cabo as inscricións nalgún dos cursos ofertados as persoas interesadas deberán acudir á Piscina Climatizada Municipal a partir do 20 de xuño as persoas aboadas, e a partir do 23 de xuño as non aboadas.

Solicitudes

O procedemento de solicitude de participación no campamento de verán, no campus de fútbol e nos cursos de tenis farase cunha preinscrición de xeito telemático a través da páxina web do Concello entre o 23 e o 31 de maio.

Despois, publicarase a lista de persoas preinscritas o día 5 de xuño e sortearanse as prazas, no caso e ser necesario, o día 7 de xuño. Xa o 9 de xuño publicaranse as persoas admitidas e lista de espera e a inscrición definitiva, das persoas con praza, coa aportación da documentación requirida, aboamento da matrícula e xestión de lista de espera será entre o 12 e o 22 de xuño.

A inscrición definitiva poderá facerse de dous xeitos: Enviando toda a documentación requirida por correo electrónico ó enderezo deporte.veran@concellodemonforte.com ou presentando toda a documentación requirida nas Oficinas Municipais de Deportes ou Xuventude sitas nas Casitas da Compañía.