Skip to main content
Monforte

En ano e medio quedarán cortados os actuais pasos a nivel de Monforte e entrarán en servizo os viais novos de ADIF

Por 27 Maio, 2023Maio 28th, 2023Sin comentarios

O goberno local de Monforte informou da recepción por rexistro, o día 25 de maio, dunha comunicación de ADIF na que se informa da licitación do contrato de execución do proxecto de supresión dos pasos a nivel de Río Seco e Juan Montes.

Tal e como explicou o rexedor, “hai varios anos que se están a facer xestións para suprimir os pasos a nivel citados, e como consecuencia, urbanizar toda a zona que vai dende o Restaurante Ronda ata a estrada de Reigada, cambiando totalmente o aspecto físico desa zona dos barrios da Estación, Morín e Rioseco.

As xestións comezaron no ano 2018, aceptando ADIF a solución proposta en outubro do ano 2019 e inicialmente estaba previsto que se licitara no ano 2022, pero debido ao incremento de prezos dos materiais despois da pandemia, o Goberno de España aprobou un Decreto e a Xunta de Galicia outro, no que regulaban a revisión de prezos dos proxectos con un incremento aproximado dos mesmos dun 20%.A  previsión do custo destas obras ascendía ao redor de 6.000.000 euros, que, unha vez revisados nese 20% aproximado, agora ascende a 8.273.522,43 euros, unha inversión que vai a supoñer dinamizar toda esa zona.

16 meses de obras

Na comunicación que entrou por rexistro, o subdirector xeral de Pasos a Nivel de ADIF, anuncia a publicación da licitación de contrato de execución deste proxecto na línea León-Coruña, no termo de Monforte de Lemos, cun prazo de execución previsto de 16 meses, o que supón que en ano e medio dende o comezo das obras, entrarán en servizo os viais e quedarán cortados os actuais pasos a nivel.

Con estas actuacións construiranse 5 rúas novas, un paso inferior, unha rotonda e unha ponte, que poñerán en valor a zona afectada.

As novas rúas pasarán a ser de titularidade municipal, sendo incluídas no inventario de bens do Concello.

Dende o Concello queren mostrar o seu agradecemento aos responsables de ADIF pola sensibilidade mostrada a esta solicitude, xa que é unha obra de moito calado e que contribúe á seguridade de vehículos e persoas.