Skip to main content
Pantón

Unha nova senda peonil na estrada LU-617 en Toiriz será construída a partir do verán

Sete empresas presentaron ofertas á Xunta para executar unha nova senda peonil na estrada LU-617, en Toiriz, no concello de Pantón, que suporá un investimento autonómico que rolda os 330.000 euros.

Trátase de executar unha nova senda de 530 metros a ambos os lados da LU-617, ao seu paso polo núcleo de Toiriz. Deste xeito, completarase o itinerario anteriormente executado nesta vía autonómica, dotando a parroquia dun itinerario peonil continuo de 850 metros de lonxitude.

Estas novas obras no núcleo de Toiriz prevén iniciarse no verán e o obxectivo e telas rematadas no primeiro trimestre de 2024. En concreto, para a execución desta senda demoleranse, primeiro, as cunetas, soleiras existentes e demais pavimentos. Despois disporase o novo itinerario en saburra artificial e formigón bituminoso.

Na intervención, prevese tamén a construción de dous muros de contención con bloques de granito, que disporán de varandas de protección. Tamén se disporá balizamento e defensas. A actuación completarase, ademais, coa colocación de canal de desaugue e sumidoiros, conectados a unha nova canalización para garantir a correcta recollida das augas pluviais.