Skip to main content
Pantón

Os populares de Pantón presentan a mesma lista da candidatura ás eleccións que nas anteriores

O Partido Popular de Pantón presenta a súa candidatura ás vindeiras eleccións do 28 de maio encabezada polo actual rexedor, José Luis Álvarez Blanco, que desempeña a Alcaldía dende o ano 2007.

O alcaldable di sobre a candidatura que “o que funciona non se cambia”, por iso os populares optaron por non facer cambios na candidatura para as eleccións locais, por considerar que é a máis eficaz para rematar o proxecto popular para o concello.

Desta maneira, os populares pretenden concluír as obras xa iniciadas e aquelas que están programadas para dar a Pantón as infraestruturas e os servizos que merecen os seus veciños.

Para Álvarez Blanco, as prioridades para o próximo mandato son as infraestruturas hidráulicas. Así, destaca a execución das obras para a traída de auga en San Vicente de Castrillón, Santiago de Castrillón e Santo Estevo do Mato.

Na folla de ruta dos populares para o próximo mandato está tamén a traída de Ribeiras de Miño e indican que no programa popular figura a asunción polo Concello das traídas locais naqueles casos que así se solicite.

Outra das propostas da candidatura popular é avanzar con rapidez no saneamento rural, co fin de que a finais do mandato estea practicamente rematado na súa totalidade. De momento, programan os colectores de Toiriz, Moreda e Eiré e xa está listo o convenio coa Confederación Hidrográfica para o colector de San Martiño de Pantón.

En materia social, a folla de ruta dos populares inclúe dúas residencias coa fundación San Rosendo, unha das cales xa ten licenza; para a outra, será preciso que o Concello tramite un plan especial para posibilitala urbanisticamente. O candidato a repetir na Alcaldía asegura que seguirán apostando polos servizos sociais e mantendo o de madrugadores.

A lista da candidatura está formada por José Luis Álvarez Blanco, Tamara López Rodríguez, José Vázquez Presas, Manuel López Rodríguez, María Cristina Domínguez Vázquez, José Cesáreo Rodríguez Salgueiro, Marta López Pérez, Diego Pérez Camba, Ana González Palacio, David de la Fuente Rodríguez e José Manuel Vilariño Rodríguez