Skip to main content
Pantón

Isabel Rodríguez destacou na Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón a calidade dos viñedos da Ribeira Sacra

Por 15 Maio, 2023Maio 16th, 2023Sin comentarios

Centos de persoas achegáronse a Pantón para desfrutar da XXVIII Mostra de Viños da Ribeira Sacra, que acolleu diferentes actividades relacionadas co viño como degustacións e catas de viño, charangas e actuacións musicais, así como a entrega de premios do VIII Concurso Fotográfico Red Ribeira Sacra – Viticultura Heroica, na que estivo a escritora Margarita Rodríguez Otero como convidada de honra.

O tradicional pregón correu a cargo do xornalista deportivo Tomás Guasch e a feira contou este ano coa participación de nove adegas e unha vintena de postos de artesanía e de gastronomía local.

Ademais de veciños e veciñas de Pantón, así como da comarca da Ribeira Sacra, o evento contou coa participación de diferentes autoridades da provincia de Lugo e de Galicia, como a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, quen animou aos viticultores da Ribeira Sacra a seguir elaborando un produto de excelente calidade que pon á provincia de Lugo no mapa do turismo gastronómico.

Rodríguez tamén destacou a calidade das tres zonas de viñedos que producen a uva, localizadas na ribeira do Sil, Miño e do Cabe, que contan coa Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Tamén participou neste evento o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos; así como o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, quen reivindicou a excelencia dos viños desta comarca, un produto que leva a marca Galicia Calidade polo mundo e que, ademais de ser unha industria estratéxica a nivel económico, é clave polo seu potencial turístico.