Skip to main content
Pantón

Vinte e seis novos núcleos de poboación de Pantón contarán con rede de abastecemento de auga potable

Por 23 Maio, 2023Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de emitir a proposta de adxudicación por máis de 576.000 euros das obras para dotar de abastecemento de auga potable distintos núcleos do Concello de Pantón.

Unha vez que a empresa Construcciones Cernadas presente a documentación solicitada, formalizarase a adxudicación do contrato destes traballos, que teñen un prazo de execución de 6 meses.

O obxectivo é dotar de rede de abastecemento de auga potable a 240 veciños de 26 núcleos das parroquias de Santiago de Castillón, San Vicente de Castillón e Santo Estevo do Mato, que actualmente carecen deste servizo, abastecéndose a través de pozos.

Instalacións

Executarase unha captación de 120 metros de profundidade, construirase un depósito de 100 m³ de estrutura de formigón armado e adxacente unha caseta coa cámara de chaves, un grupo de presión equipado con dúas bombas con caudal variable e presión constante, e o equipo de cloración.

Tamén se disporá unha rede de distribución de tubaxe de polietileno de alta densidade. Serán 12 km de conducións, cunha parte de rede en presión naquelas zonas onde esta non é suficiente para levar a auga as casas e, no resto, por gravidade; ademais de 149 acometidas.

Financiamento

Estas intervencións serán financiadas pola Unión Europea no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta á pandemia da covid-19.

A actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Pantón.

Así, a entidade hidráulica da Xunta, aínda que Pantón pertence á conca de responsabilidade estatal (a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil), redactou o proxecto desta actuación e será a encargada de executar as obras e achegar o 80% do financiamento.

Pola súa banda, a entidade local achegará o orzamento restante e asumirá a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, posta en servizo, mantemento e explotación destes servizos municipais.