Skip to main content
A Pobra do Brollón

Adolfo Rubio encabeza a lista da candidatura do PSOE da Pobra do Brollón para as vindeiras eleccións

Por 15 Maio, 2023Maio 16th, 2023Sin comentarios

O Partido Socialista da Pobra do Brollón presentou a súa candidatura para as vindeiras eleccións do 28 de maio que encabeza Adolfo Rubio no restaurante Primero de Mayo da localidade e que contou coa participación do secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé, así como co voceiro socialista no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, ademais de militantes, simpatizantes e veciños e veciñas do municipio e da comarca da Ribeira Sacra.

“Queremos abrir as portas e ventás do Concello da Pobra do Brollón para que corra o aire e favorecer a participación da veciñanza, porque logo de 16 anos de maioría absoluta, os que están hoxe no Goberno local cren que poden facer e desfacer sen contar cos veciños”, asegurou o candidato do PSdeG.

José Tomé subliñou que o candidato socialista é “unha persoa dialogante, que coñece A Pobra e un profesional cunha traxectoria que fala de bo traballo e de capacidade e xestión”, e que presenta “un proxecto gañador, novo e de impulso” para o municipio “coa única vontade de traballar polos seus veciños, para que teñan máis servizos e oportunidades”.

Ademais, o secretario xeral resaltou que Adolfo Rubio e a súa candidatura aportan “dinamismo, políticas útiles para os veciños, escoitando a todos e todas, para crear e para mellorar os servizos públicos, para a promoción económica e de emprego, e apostando sempre polo rural”.

Propostas

Pola súa parte, Adolfo Rubio incidiu en que “facer realidade a residencia de maiores é un obxectivo prioritario, e tamén devolver a transparencia ao Concello”. Neste sentido, o candidato socialista apuntou que “levamos no noso programa o Plan Explica, que consistirá en reunións periódicas cos veciños e veciñas para tratar temas de interese municipal e de futuro”.

“Cando gobernemos imos retomar as negociacións sobre o cuartel da Garda Civil para poder ter un edificio multiusos a disposición da veciñanza e tamén estudaremos a posibilidade de que o albergue quede situado nun lugar máis céntrico”, engadiu.

Entre as propostas programáticas dos socialistas, Rubio sinalou así mesmo a necesidade de reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), mellorar a xestión económica, dotar de máis e mellores servizos ás parroquias ou recuperar as brigadas contra incendios e de Protección Civil.

Ademais de Adolfo Rubio, a lista está formada por outras oito persoas, que son Javier Quiroga Castro, Antonio Fernández Camino, Tamara Rodríguez Pérez, Adoración Fernández González, Domingo Novoa Prieto, Javier Maceda Rodríguez, Raúl Díaz Rodríguez e Marcos Méndez Vila.

Memory: 148.7969MB (7.27% of 2048MB)