Skip to main content
Quiroga

O candidato do BNG á Alcaldía de Quiroga destacou en Allariz o turismo sostible e a dinamización económica que quere levar no seu programa

Por 11 Maio, 2023Sin comentarios

O candidato a alcaldía do BNG de Quiroga, Xosé Manuel Fernández, reuniuse coa alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e con María López, concelleira de Promoción Económica para coñecer a política local do concello ourensán.

Entre os temas de interese que quixo tratar Xosé Manuel Fernández destacan o “turismo sostible” e a “dinamización económica”, dous puntais que din levar os nacionalistas no seu programa electoral.

Para o BNG de Quiroga, o turismo é un aspecto de vital importancia para o desenvolvemento local do concello. Así, estar no corazón do Xeoparque Montañas do Courel, a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, e ser vila de paso do Camiño de Inverno, “sitúan a Quiroga como destino turístico privilexiado”, explican.

“Para aproveitar estas oportunidades, apostaremos por políticas que promovan e aceleren un desenvolvemento económico sostible, contando cos axentes implicados e en harmonía co medio ambiente”, sinala Xosé Manuel Fernández.

Plan de Sostibilidade Turística en Destinos de Allariz

O Concello de Allariz conta coa idoneidade do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para optar a un millón de euros dos fondos Next Generation para executar o Plan de Sostibilidade Turística en Destinos: “Allariz destino sostible”.

Por isto, a alcaldesa, Cristina Cid, explicoulle a Xosé Manuel Fernández como foi o camiño para elaboralo e o importante que vai ser para o concello. O nacionalista tomou boa nota para desenvolver proxectos semellantes, que sirvan para impulsar máis e mellor Quiroga como destino turístico.

Quiroga precisa tamén, segundo os nacionalistas, “dun impulso económico”. En palabras do candidato: “Con ese obxectivo crearemos unha Área de Dinamización Económica para atraer novas empresas, apoiar as que temos, crear condicións que favorezan o emprendemento e consolidar un calendario de eventos que dinamicen o comercio e a hostalería locais. Un desenvolvemento produtivo necesario que xere oportunidades laborais e contribúa a fixar poboación”.

Neste punto, tamén resultou de utilidade a visita a Allariz grazas á reunión con María López, concelleira de Promoción Económica, quen lle explicou a súa experiencia de anos consolidando un programa de eventos durante o ano, que traen xente de fóra a Allariz. O obxectivo desta iniciativa, que tan ben lles está funcionando, é desestacionalizar o fluxo de visitantes e dinamizar o comercio local. Tamén falaron da sintonía e colaboración co GDR Limia-Arnoia de cara ao desenvolvemento rural e produtivo da comarca.