Skip to main content
Quiroga

As participantes do IX curso de tecido tradicional de Quiroga decidiron que elaborarán tapices de parede

Por 17 Maio, 2023Sin comentarios

Xa arrancou o IX curso de tecido tradicional organizado polo Concello de Quiroga dende o Museo Etnográfico, no que se ensinará a elaboración de pezas no tear que se atopa no museo etnográfico, en concreto tapices de parede.

O curso, que ten vinte horas de duración e rematará o 19 de xuño, está impartido pola tecedeira Carmen Barreiro Díaz, desenvolveranse todos os luns e os mércores dende as catro e media da tarde ata as seis e media.

Neste obradoiro, que visitaba a concelleira Loli Sánchez, realizaranse prácticas para familiarizarse coas técnicas milenarias de urdir o fío para configurar a base sobre a que se tece, preparar o fío para tecer (cardar, fiar ao fuso e á roca e torcer) e preparar os flocos para decorar as distintas pezas.

Cursos anteriores

No inicio de curso, as participantes decidiron que a peza que van realizar serán un tapiz de parede. En cursos anteriores de tecido tradicional elaboráronse diferentes pezas, dende a tradicional colcha a alfombras ou bolsos. Sen esquecer a recuperación dunha peza practicamente perdida e que se conserva agora no Museo Etnográfico, un mantelo, unha capa tradicional de pastoreo da serra que servía para protexerse do frío e da choiva por confeccionarse cun tecido especialmente mesto.

A recollida e restauración das pezas empregadas no sector téxtil, levada a cabo dende o ano 2007, ofrece dende entón a posibilidade de aprender os segredos dunha técnica milenaria de forte raizame na zona e que co paso do tempo foi quedando no esquecemento.