Skip to main content
Quiroga

A Asociación de Veciños de Parteme promove unha xuntanza aberta a todo o mundo para poñer en valor o rural

Por 18 Maio, 2023Maio 19th, 2023Sin comentarios

A Asociación de Veciños de Parteme promove unha xuntanza de traballos veciñais aberta a outras asociacións e a políticos para poñer en valor o rural da parroquia do Concello de Quiroga para este sábado 20 de maio.

Así, durante esta xornada as persoas interesadas en achegarse a Parteme poderán colaborar cos veciños para facer traballos de mantemento e limpeza no núcleo rural: limpeza de rúas, desbroce de camiños, recollida de lixo, etc. Para este día, as persoas interesadas terán que vir con ferramentas (rodos, aixadas, desbrozadoras, fouces, rastrillos, etc.).

“Facer eses traballos que serían competencia do Concello, pero non o fai, polo que nestes anos vimos facéndolo nós”, din desde a asociación. Ademais dos traballos, ao remate compartirán un xantar conxunto con comida e bebida ofrecida pola veciñanza anfritrioa: “Un xantar rural total que será moi agradable, e fame non imos pasar”, comentan os organizadores.

O obxectivo “é festexar todos xuntos que o pobo fai posible o rural e que a unión da xente, coa colaboración dos que gobernan coa man aberta e boa predisposición, farán posible un rural vivo”, argumentan desde a asociación.

Así, subliñan que “a intención desta xuntanza é reivindicar o rural, demostrar que cun pouco de colaboración de todo o mundo poden conseguirse cousas moi grandes e pódese facer que o que parece que non vale para nada sexa unha gran potencia”. E engaden, “con isto tamén queremos reivindicar que se todas as asociacións nos poñemos de acordo, co intercambio de traballos, poderemos axudarnos entre todos e darlle potencial ás aldeas de Quiroga en particular e ao rural en xeral”.

Polo de agora, xa confirmaron a súa presenza os catro partidos políticos que se presentan ás municipais de Quiroga e a Federación de Asociacións de Veciños ‘Lucus Augusti’, “sendo esta un gran colaborador en todos os sentidos para nós”, explican desde a asociación.

Colaboración política

Para organizar este encontro, comentan dende a entidade veciñal que fixeron chegar un escrito ao Concello de Quiroga pedindo algún tipo de axuda, como achega de maquinaria con condutor para facer desbroces ou algo económico para a comida. Axuda “que sería benvida” pero que se non chega faranse eles cargo de todo. “A día de hoxe non tivemos contestación nin noticia algunha ao respecto”, comentan.

Así, desde a asociación lembran que o núcleo de Parteme está a sufrir unha súa situación de abandono municipal e a desatención das necesidades básicas que ten a veciñanza.

“Dende a limpeza das rúas, pasando pola recuperación e desbroce de camiños, ata a necesidade dun abastecemento de auga e un saneamento que está sen rematar, son carencias que veñen reclamando ao concello en reiterados escritos estes últimos anos, demandas non atendidas a día de hoxe”, explican.

Así, sosteñen que “as necesidades de Parteme coñéceas o alcalde de Quiroga pero tamén as coñece a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, e ata a Defensora do Pobo, que segue esperando as contestacións do rexedor quirogués”.

O seguinte paso que estuda a Asociación de Veciños de Parteme é poñer en coñecemento do Parlamento Europeo estas carencias e desatencións municipais aproveitando a interlocución que se ofreceu a prestar a eurodeputada do BNG, Ana Miranda.