Skip to main content
Quiroga

A xuntanza promovida pola Asociación de Veciños de Parteme de Quiroga foi todo un éxito

Por 25 Maio, 2023Maio 26th, 2023Sin comentarios

Arredor de 85 persoas participaron na xuntanza aberta que promoveu a Asociación de Veciños de Parteme, en Quiroga, o pasado sábado; para axudar aos veciños para poñer en valor o rural da parroquia.

Desde o colectivo social din estar “moi contentos por toda a axuda recibida” por todas as persoas que se achegaron a facer traballos de mantemento e limpeza no núcleo rural con limpeza de rúas, desbroce de camiños, recollida de lixo e mellora da antiga casa escola. “Fíxose moito traballo en moi pouco tempo pola cantidade de xente que había”.

Así, destacan a participación de veciños, pero tamén de membros do BNG, do PSOE e de Independentes de Quiroga, así como da Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti, concretamente Jesús Vázquez e Luis, que contribuíron economicamente e puideron coñecer outras asociacións veciñais que participaron da xuntanza para que se apuntaran á Federación, en concreto a da parroquia de Vilaster, de Margaride e de Ferreira de Pantón.

“Saíu todo perfecto, a xente estaba moi contenta e non houbo ningún problema. Ademais, a comida que trouxemos foi abundante, así que durante a comida estivemos todos xenial e houbo moitas risas e moita charangada”, explica Santiago Morillo. “Houbo moi bo rollo entre todos e a intención é repetir este tipo de experiencias, así como estamos abertos a participar de iniciativas como estas promovidas por outras asociacións veciñais”, explica.

Con respecto ás persoas que non participaron, do PP de Quiroga non apareceu ninguén na xuntanza, a pesar de ser invitados igual que as demais forzas políticas, como tampouco participaron desde a Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, pero si que contestaron e apoiaron esta iniciativa, a pesar de non poder estar.