Skip to main content
O Saviñao

Celeste Rodríguez, candidato á Alcaldía do Saviñao polo PSOE, aposta por devolver ao concello “ao seu esplendor”

Por 8 Maio, 2023Maio 9th, 2023Sin comentarios

Os socialistas do Saviñao presentaron a candidatura coa concorren ás vindeiras eleccións municipais, que encabeza o voceiro municipal do PSdeG, Celeste Rodríguez Pombo.

“Temos que conseguir entre todos e todas que O Saviñao rexurda do estancamento que padece dende fai 30 anos, para que volva ó seu esplendor social e económico, e situalo como un referente na nosa comarca”, subliñou o candidato.

Este evento contou coa participación do secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Antonio Quiroga Díaz, e responsables orgánicos do partido, así como militantes, simpatizantes e veciños do municipio e da comarca.

José Tomé agradeceu o compromiso do candidato socialista ao longo destes anos a prol da veciñanza e do seu concello: “Quero agradecerche todo o traballo que levas feito polo Saviñao, por defender ós teus veciños e veciñas, e os valores e as políticas socialistas”.

Así, o secretario xeral comprometeuse a traballar no vindeiro mandato con Rodríguez Pombo, “coas súas ideas e propostas para que O Saviñao por fin avance, para que os veciños teñan os servizos e as oportunidade que necesitan porque, cando gaña o Partido Socialista, sempre gaña a veciñanza”.

Propostas do candidato

Pola súa banda, Celeste Rodríguez Pombo dixo sentirse moi orgullo da candidatura que o acompaña nesta cita electoral: “Son 16 persoas, veciñas e veciños do Saviñao, preparados, con experiencia e dispostos a traballar polo futuro da nosa vila e das nosas parroquias”.

Ademais, fixou como unha prioridade dentro do seu programa electoral a creación de emprego: “Remexeremos cada recuncho en busca de investimentos empresariais para O Saviñao coa finalidade de fornecer a oferta de emprego. Estaremos do lado dos nosos gandeiros, gandeiras e viticultores.

Protexeremos e impulsaremos o noso comercio local e tentaremos dinamizar proxectos ligados ao turismo,  á paisaxe e aos produtos locais. Unha oferta para traballar, servir e vivir no noso concello”.

O candidato socialista comprométese así mesmo a “garantir os servizos públicos que melloren a calidade de vida dos máis febles, dos nosos maiores e de quen máis o precisa”.

Polo tanto, “imos traballar para darlle a volta a esto, para gañar estas eleccións escoitando aos veciños, resolvendo os seus problemas, con cercanía, con empatía, defendendo os servizos públicos, coa promoción económica, coa creación de emprego e coa aposta polo noso rural”, remarcou.

A candidatura socialista do Saviñao está composta por doce persoas, a maiores do alcaldable, que son Begoña Vázquez Sánchez, Javier Gallardo Fernández, Santiago Gómez Rodríguez, Judit López Doutón, Jenifer Sánchez Gallardo, Eduardo López Pérez, María Rodríguez López, José Manuel López Rodríguez, Patricia Rodríguez Alonso, Simón Cancelas Fernández, Mónica Domínguez Sánchez, José Jaime Díaz Novelle, Luisa Méndez Rodríguez, Carmen María Casas Rodríguez e Luis Varela Aguiar.