Skip to main content
Sober

Paula Vázquez, candidata de Agroma Sober á Alcaldía: “As nosas medidas transformarían Sober no inmediato”

Por 23 Maio, 2023Maio 24th, 2023Sin comentarios

Falamos con Paula Vázquez Verao, candidata á Alcaldía do Concello de Sober nas vindeiras eleccións do 28 de maio polo partido Agroma Sober.

Que novidades cren que achega a vosa candidatura?

Incorporamos nova xente e configuramos un grupo de persoas de todos os eidos socioeconómicos e territoriais do Concello, implicadas no tecido asociativo e con ilusión por aumentar servizos e emprego na zona para ter futuro en Sober. As tres primeiras persoas da lista temos nenos e nenas pequenas, polo que un dos eixos esenciais vai ser a mellora da conciliación.

Cales son as principais propostas?

Este ano decidimos presentar un programa curto e concreto, con impacto no primeiro ano de goberno de levarse a cabo. As nosas medidas transformarían Sober no inmediato, comezan por dar voz á xente e impulsar plans con impacto directo no emprego.

E que farían en primeiro lugar?

Nos dous primeiros meses, convocaríamos en todas as parroquias eleccións para escoller pedáneos/as, para implicar á cidadanía no goberno do Concello.

Quen vivimos nos lugares sabemos como están os camiños, as fontes ou calquera problema, por iso a comunicación do goberno ten que ser áxil e participativa. Non é xusto ter que estar avisando varias veces cando cae un poste ou se tupe un camiño.

Logo, tamén convocaríamos unha xuntanza do sector turístico para planificar esta actividade no Concello: quen traballa no sector coñece os problemas e as potencialidades para poder estender os beneficios que a actividade deixa.

Sober ten vocación turística moi ligada ao mundo do viño, que propoñen neste eido?

A viticultura na ribeira é identidade de Sober, leva o nome noso polo mundo adiante e é a actividade económica máis dinámica do Concello. Propoñemos, en primeiro lugar, avanzar da man de todo o sector para superar problemas e ampliar os éxitos.

Temos que traballar no relevo xeracional, primar dalgún xeito o mantemento da paisaxe que realizan as e os pequenos viticultores, recuperar viñedo histórico das ribeiras, aumentar a singularidade dos nosos viños axudando á investigación, recuperando castes autóctonas.

Ademais, cremos que, alén da Feira do Viño, se pode promover un evento máis profesional e tamén impulsar algunha feira en Cadeiras, así como crear un museo ou centro de interpretación da nosa cultura ribeirá.

Pero todo da man e en diálogo permanente co sector.

Sober ten máis posibilidades agrícolas máis aló do viño?

Sen dúbida. É unha zona produtivísima moi abandonada. Propoñemos impulsar un Plan de Desenvolvemento Rural, xunto coas Comunidades de Montes e persoas do sector agrario, para impulsar a gandería, recuperar agros de cereal, apicultura e sector da horta. Podemos producir máis e non ter tantos terreos “a monte”.

E no sector forestal precisamos actualizar a ordenanza de cortas de madeira e ter máis persoal municipal para a xestión de biomasa, pois o risco de incendios é elevado nalgunhas parroquias.

Cal é o principal problema de Sober?

Son varios. En primeiro lugar, a auga: é urxente un plan de conservación dos acuíferos, evitando dispendio e contaminación, para garantir os usos básicos da auga en todos os lugares.

E no eido social, aumentar as prestacións para atención a Dependencia, pois é un concello moi avellentado e hai que ter en conta que hai moitas persoas dedicadas a coidar dependentes sen poder traballar, o que aumenta tanto a precariedade económica como o deterioro de saúde da poboación. Dende logo, tamén as estradas precisan mantemento en todas as parroquias.

Como ven Sober dentro de vinte anos?

Gustaríanos velo coas aldeas chegas de vida, pero iso só será posible se, conxuntamente con toda a comarca, as administracións superiores entenden que precisamos investimentos que xeren emprego estable na zona e garantir os servizos sanitarios e educativos sen recortes.