Skip to main content
Taboada

Roi Regueira, alcaldable do PSOE en Taboada, quere facer de Taboada un “Concello próspero e moderno”

Por 22 Maio, 2023Maio 23rd, 2023Sin comentarios

O PSOE de Taboada organizou un acto no Centro Cívico para presentar o candidato socialista á Alcaldía de Taboada, Roi Rigueira, que está convencido de que “desta si, temos que conseguir o cambio para que acabe a parálise de Taboada”.

Xunto á súa candidatura, Regueira estivo arroupado pola deputada provincial, secretaria de organización do PSdeG na provincia e candidata á Alcaldía de Antas de Ulla, Pilar García Porto, e o ex Alcalde de Lugo, José López Orozco, ademais de numerosos militantes, simpatizantes e veciños e veciñas.

O candidato do PSdeG subliñou a necesidade de “acabar coa desidia” do actual Goberno local do PP, “que non fai nada ante o alarmante descenso da poboación, o subdesenvolvemento industrial e a perda de servizos”.

“Nas eleccións do 2019 quedámonos a moi pouquiña distancia, só a 14 votos, e estes catro anos traballamos arreo para tratar de contrarrestar a desidia do actual goberno. Fixemos un traballo construtivo desde a oposición, con propostas e mocións que buscaron sempre o mellor para os nosos veciños e veciñas. Tamén chamamos ás portas doutras administracións, como a Deputación de Lugo, para conseguir axudas e impulsar iniciativas das diferentes asociacións de Taboada”, sinalou Rigueira.

Propostas

O socialista explicou que cando chegue ao goberno continuará loitando por facer de Taboada “un concello próspero, moderno, que fortaleza o tecido produtivo, que apoie ao medio rural e preserve a nosa riqueza natural. Unha Taboada de oportunidades para a xente máis nova e de dignidade para os maiores”, porque “non me resigno a deixar á miña filla unha Taboada peor”.

Neste sentido, incidiu Roi Rigueira en que na última década “o equipo de Goberno municipal mostrouse absolutamente ineficaz na xestión diaria do Concello de Taboada, o que provoca unha parálise que fai que non avancemos en ningún aspecto”, polo que, sinalou, “xa non convencen a ninguén”.

Deu conta dalgunhas das súas propostas programáticas, entre as que destacou a importancia de atender as necesidades das parroquias, de xestionar con transparencia e proximidade, apostar polos servizos sociais ou impulsar o polígono industrial.

O alcaldable quere poñer o foco nas infraestruturas e nos espazos comúns, nos servizos básicos, como o acceso á vivenda ou a recollida de lixo e sacar partido ós recursos do concello para atraer un turismo sustentable.

“Un programa que fará realidade grazas a un grupo de homes e mulleres comprometidos co noso concello, que decidimos dar este paso porque temos a convicción de que é posible facer as cousas doutra maneira, poñendo os intereses dos veciños e veciñas de Taboada por riba de todo”, sentenciou.