Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

José Manuel López, presidente do Grupo Xacobeo Sarria: “Temos unha comunidade inmensa de lugares fermosos”

Por 14 Maio, 2023Maio 15th, 2023Sin comentarios

Falamos con José Manuel López, presidente da asociación cultural Grupo Xacobeo Sarria.

Como xurdiu a idea de crear esta asociación cultural?

O grupo foi creado no ano 2004 mentres faciamos o Camiño Francés do Camiño de Santiago. Logo, fixemos o Camiño Primitivo, despois o Norte, o Portugués e o Camiño dos Faros. No ano 2017 convertémonos en asociación.

A asociación foi creada porque xa nos excediamos moito na cantidade de persoas que participaban, e por temas de responsabilidade, axudas, seguros , etc; tíñamos a obriga de facelo así. Ademais, resulta máis doado traballar con asociados que con todos por libre.

Cantas persoas compoñen a asociación?

Compoñen a asociación 208 asociados, con xente de Sarria, Lugo, Bóveda, Paradela, Láncara, O Incio, O Páramo, O Corgo, Rábade, Ribadeo, Noia, Porto do Son, A Coruña e Ponferrada.

Como apunte interesante, no ano 2022 demos de alta 95 asociados, polo que fomos crecendo.

Cal é o obxectivo desta asociación?

O obxectivo é facer que a xente coñeza e desfrute de paisaxes e lugares por descubrir, sobre todo aquí por Galicia.

Temos unha comunidade inmensa de lugares fermosos que moitos non coñeciamos, o cal facemos a través das rutas de sendeirismo e excursións.

Como se reúnen?

Non temos un lugar determinado de reunión, a asociación ten o seu domicilio fiscal, pero as reunións ímolas facendo en lugares públicos, como restaurantes ou incluso cando vamos de ruta.

Por outra parte, cabe destacar que creamos un nome máis publicitario, que é Xacobeo Sarria Rutas, porque é máis sinxelo de lembrar, polo que ese é o nome que temos en Facebook, que é onde publicamos as rutas.

Que actividades e rutas organizan?

Organizamos rutas de sendeirismo e excursións por Galicia, polo oeste de Asturias, León e o norte de Portugal.

Tamén facemos viaxes de fin de semana ou máis dias para coñecer outros lugares da península e dentro das viaxes, moitas veces, organizamos pequenos eventos, como a festa de fin de rutas, asembleas da asociación, a festa do cocido, a festa da sangría na Costa da Morte, etc.

Estas rutas son organizadas en colaboración con axencias de viaxes autorizadas.

Algunha anécdota que nos queira contar das rutas?

Cada ruta é unha experiencia diferente e todas teñen moitas anécdotas divertidas. A xente que vai as rutas valora moito a organización que temos, facemos un grupo como se fósemos todos familia e amigos, sempre uns pendentes dos outros e axudándonos uns a outros.

Isto é mais fermoso do grupo, o compañeirismo.

Cabe destacar a acollida que lle facemos á xente que participa sobre de todo por primeira vez, tanto os participantes como os membros directivos, xa que ao meu lado teño un gran equipo de directivos que colaboran en todo e axudan no que faga falta.

Que proxectos teñen este ano?

Os proxectos para este ano son moitas rutas e excursións, as cales imos programando pouco a pouco. A máis próxima é a Ruta da Camelia, por Corrubedo.

Viaxamos cada 15 días, dúas fins de semana ao mes máis ou menos, xa que entendemos que saír todos os domingos suporía un gasto enorme, xa que se está poñendo a vida cara.

Estamos organizando tamén unha viaxe a Segovia, que vai ser o 29 e  30 de abril e 1 de maio. Outra viaxe de fin de semana vai ser tamén a Ruta do Cares, en Asturias, para o primeiro fin de semana de setembro.

Organizamos incluso rutas nocturnas, como poden ser a posta de sol, as perseidas na illa de Sálvora, luces de Nadal, entre outras cousas.

En todas as rutas están participando unha media de 75 persoas, chegando incluso a 100 por ruta.

Estamos abertos a participar con outras asociacións similares ou ben que elas poidan participar connosco.

Que beneficios teñen as rutas para as persoas que se apuntan?

Ninguén se anota a nivel individual, sempre  é  a nivel colectivo. Deste modo é como mellor se pasa o día. Hai moita xente soa que busca poder compartir, charlar, visitar… con máis persoas e, de paso, coñecer lugares novos. Nas rutas xorden grandes amizades entre os participantes.

Que proxectos futuros hai?

Volver ao Camiño de Santiago e facer rutas variadas e excursións. Estamos preparando tamén unha charla dun médico sobre a saúde e o sendeirismo.

Teñen apoio das institucións?

A única subvención que temos é da Deputación de Lugo, da cal estamos moi agradecidos. Tamén colaboran diversos concellos cando imos de ruta, como foi o caso desta ultima do cocido no Concello de Triacastela.