Skip to main content
O Incio

Héctor Corujo, rexedor e alcaldable do PP no Incio, puxo en valor o traballo durante o seu primeiro mandato

O Partido Popular do Incio presentou a súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, composta por “practicamente as mesmas persoas que na de hai catro anos, se ben é de destacar a incorporación no número 4 de Antonio Rodríguez López, que ten un perfil ideal para participar neste proxecto”, defenden desde a agrupación popular.

O de novo alcaldable popular, Héctor Corujo, destaca a moi boa sintonía entre todo o equipo e tamén a boa sintonía coa nova incorporación. Pon de manifesto que un dos grandes obxectivos para os próximos catro anos é consolidar ao concello como referencia nas políticas de desenvolvemento rural.

Corujo resalta que o mandato que termina estivo marcado pola pandemia e polas consecuencias que tivo sobre a xestión. E lembra tamén as adversas condicións nas que el e o seu equipo se fixeron cargo do Concello despois das eleccións do 2019, como consecuencia fundamentalmente do gasto que producían dous servizos: o abastecemento de auga e o alumeado público.

Con respecto a este último, indicou que grazas a substitución das vellas luminarias por leds a factura polo alumeado público é a día de hoxe un 40% do que era entón. En canto ao abastecemento de auga, di que coas medidas programadas confía en reducir o custo ao 50%.

Corujo sinala: “No mandato que remata, encamiñamos o tema económico e agora, aproveitando que o embalse de Vilasouto consigue a condición de navegable, traballaremos para dar pulo ao Incio como concello turístico, porque temos unha zona de ocio moi importante”.

Destaca tamén outro paso fundamental dado no mandato que acaba que é a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que terá unha incidencia positiva e decisiva para o futuro do municipio.

Propostas

De cara ao próximo mandato, Corujo di que se aplicará o convenio firmado coa Fundación Uxío Novoneyra para desenvolver con fondos europeos un proxecto para dar capilaridade aos Camiños de Santiago. Sinala: “É un proxecto compartido co Courel e o que pretendemos é facer un itinerario cultural dende Samos, polo Incio ao Courel”.

O aspirante popular a repetir na Alcaldía asegura: “Imos colocar O Incio no mapa do turismo”. Se non mandato que remata, e coas dificultades provocadas pola pandemia, o obxectivo de Corujo e do seu equipo foi acercar os servizos aos cidadáns, no próximo manterán con firmeza esta liña de traballo, que deu como resultado dúas casas do maior e dúas casas-niño. E, polo mesmo vieiro, asegura que se avanzará na mellora dos saneamentos, das traídas de auga e da rede de estradas municipais.

A lista está composta por oito persoas ademais do alcaldable, que son Ramón Dositeo Mourelo López, María Mayra Frean Mourelo, Antonio Rodríguez López, Goretti Díaz Armesto, Sandra Fernández Gandoy, Daniel Arias Jato, Daniel Magdaleno Sánchez e José Manuel Vilariño López.