Skip to main content
O Incio

As festas do Val do Mao contarán cun servizo de autobús desde Sarria para facilitar a chegada ao evento

Por 14 Maio, 2023Maio 15th, 2023Sin comentarios

Os organizadores das grandes festas do Val do Mao do Incio, que teñen lugar este luns e martes, 15 e 16 de maio, contarán cun servizo de bus desde a Rúa da Liberdade de Sarria ata o Val do Mao.

Este servizo habilítase coa intención de facilitarlle á xente o poder chegar ao Val do Mao, onde terá lugar a festa. Así, o 16 de maio, tanto ás 23.00 horas como ás 00.00 horas sairá o bus cara ao Incio.

Pola súa parte, o bus de volta sairá ás 04.00 horas e ás 05.00 horas para facilitar, da mesma maneira, a volta a casa. Estas viaxes en autobús terán un prezo de tres euros, tanto na ida como na volta.

Programa

Durante os días 15 e 16 de maio, haberá diferentes actuacións musicais, así como gastronomía e iniciativas para o desfrute dos asistentes para honrar a San Eufrasio e se celebrará o XX aniversario da Palloza.

O 15 de maio, para comezar, haberá misas ás 10.30 e ás 11.30 horas, aínda que a misa maior será ás 13.30 horas, que irá seguida da procesión e sesión vermouth amenizada pola Foliada de Bosende. Xa á noite, os asistentes poderán degustar unha pancetada a partir das 21.30 horas que irá da man do Dúo Estrelas.

Con respecto ao día 16, tal e como está programado, o día comezará coa misa maior ás 13.00 horas, seguida da procesión e da sesión vermouth acompañada do Dúo Estrelas. Xa pola noite, a partir das 22.00 horas será o turno da orquestra El Combo Dominicano xunto cunha sesión de música de dj.