Skip to main content
O Incio

Héctor Corujo, alcalde do Incio, di que na vindeira lexislatura avanzará no asentamento da poboación

Por 16 Maio, 2023Sin comentarios

Héctor Corujo, alcaldable polo Partido Popular á Alcaldía do Incio reuniuse co vicepresidente da Xunta de Galicia, Francisco Conde, para repasar as iniciativas realizadas durante o último mandato e poñer en valor o traballo do equipo de goberno e do seu proxecto político.

Agradeceu a Conde a súa visita e puxo de manifesto que un dos grandes obxectivos para os próximos catro anos é consolidar ao concello como referencia nas políticas de desenvolvemento rural.

Neste sentido, Corujo resaltou que o seu equipo se fixo cargo do gasto que producían dous servizos: o abastecemento de auga e o alumeado público. Con respecto a este último, indicou que grazas a substitución das vellas luminarias por leds a factura polo alumeado público é a día de hoxe un 40% do que era entón. En canto ao abastecemento de auga, di que coas medidas programadas confía en reducir o custo ao 50%.

Noutra orde de cousas, destacou tamén a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) despois de máis dunha década de trámites que terá unha incidencia positiva no concello. Este plan reduce en dous tercios o solo de núcleo rural, crea unha segunda área industrial e contempla un céntrico espazo para equipamento e zona verde.

Ademais, outro dos obxectivos de Corujo foi o achegamento de máis servizos aos veciños e veciñas de O Incio e, no próximo mandato, explica, manterá esta liña de traballo e avanzará no asentamento da poboación, a mellora dos saneamentos, as traídas de auga e a rede de estradas municipais.

Pola súa banda, Francisco Conde confiou en que Héctor Corujo vai revalidar a confianza dos veciños e veciñas do Incio para seguir dando resposta ás necesidades do municipio. Tal e como explicou, “O Incio precisa seguir nesta senda para contar cun rural vivo, con alternativas industriais, investimentos e novas empresas, así como para captar oportunidades para o emprego e o emprendemento”.