Skip to main content
O Incio

Carme Aira sostivo que o BNG ten un “proxecto para facer que O Incio avance”

Por 21 Maio, 2023Maio 22nd, 2023Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego celebrou na vila da Cruz do Incio un acto público aberto no que a alcaldable polo partido no municipio do Incio, Carme Aira, deu a coñecer as propostas e as persoas que conforman a candidatura nacionalista nestas eleccións municipais do 28 de maio.

Xunto coa veciñanza que se achegou a participar deste evento, interviñeron a candidata á alcaldía do Incio, Carme Aira, o deputado do BNG no Parlamento galego, Xosé Luís Rivas “Mini” e integrantes da candidatura.

Carme Aira declarou que “O Incio merece máis, merece un goberno municipal con capacidade para potenciar un rural esmorecido, comprometido todo o ano, durante todos os anos” e destacou “un proxecto con planificación e rigor, desde a transparencia e a participación veciñal, deseñado desde a honestidade, o entusiasmo e a ilusión de traballar para facer que O Incio avance”.

A alcaldable salientou que “no BNG apostamos polo traballo constante, coa ilusión e reanimar O Incio, para que sexa o lugar idóneo onde vivir e traballar, polo que fomentaremos e impulsaremos o sector agro-gandeiro, dinamizaremos o emprego con talleres que nos doten de profesionais, avanzaremos nos servizos públicos básicos, como poden ser a mellora do transporte público ou iniciativas para que a educación no Incio sexa de calidade e co mesmo servizo que noutro lugar”.

Así, dixo que “O Incio ten a oportunidade de saír este 28 maio cun proxecto con ilusión, co optimismo que aquí temos moito que dicir e facer, para que a nosa veciñanza e o noso concello avance, e esta premisa só a encabeza o BNG”, concluíu a Carme Aira.

Ademais de Carme Aira, outras oito persoas forman parte da candidatura: Fernando Montero Gómez, Francisco Toirán López, Xulio Corujo Rodríguez, M. Consuelo López Darriba, José Ramón Rodríguez Fernández, Manuel González Jato, Luis Castro Rodríguez e José Moscoso Vizcaíno.