Skip to main content
Paradela

Os socialistas de Paradela defenden que o Concello necesita un cambio de ciclo político

Os socialistas de Paradela presentaron a candidatura coa que concorrne ás eleccións municipais do 28 de maio, e que encabeza Iván Castro, no Restaurante Río Loio de Paradela.

Durante o acto, ao que acudiron o delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro; o secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas; o ex alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco; a secretaria de organización provincial, Pilar García Porto; o ex-conselleiro de Traballo e ex-secretario provincial, Ricardo Varela; o senador César Mogo, entre outros cargos orgánicos do partido, así como militantes e veciños e veciñas do municipio e da comarca; Castro sostivo que “queremos facer de Paradela un concello próspero, con futuro, que sexa un referente na nosa comarca, e que non sexa noticia precisamente polas saídas de ton do alcalde”, asegurou o candidato socialista.

Pilar García Porto foi a encargada de abrir un acto no que puxo en valor a “capacidade política” de Iván Castro, ao que se referiu como “unha persoa honrada, entregada, da que se pode dicir que é deses socialistas de verdade”. De seguido, interviu Lage Tuñas, que falou do candidato como “o mellor embaixador que pode ter Paradela”, que sempre pon en valor alá onde vai o “enorme talento” que hai no seu concello, algo co que coincidiu López Orozco, que tamén aludiu á “enerxía renovada” que quere aportar Castro a Paradela.

Besteiro, pola súa parte, salientou que “Iván leva conseguido máis para Paradela que o alcalde”, pois pide melloras para o seu concello aínda estando na oposición”. Son palabras que corroborou Ricardo Varela, quen apuntou que nos anos en que foi conselleiro de Traballo, “non vin diante ao alcalde de Paradela pedindo axudas ou talleres de emprego”, síntoma, na súa opinión, de que hai “un claro desleixo na xestión que, co empuxe de Iván Castro, se podería evitar”, dixo.

Pola súa banda, o candidato á Alcaldía destacou que “cando nacín, fai case 31 anos, gobernaba no noso concello a mesma persoa que hoxe segue sendo alcalde. Por iso, creo que sería moi positivo para Paradela un cambio de ciclo político. Entendemos que é necesario renovar a ilusión cun novo empuxe e con novos aires e, por suposto, con outras formas de gobernar”.

Propostas

Así, Castro sostivo que “temos moitos proxectos para desenvolver e podemos facelo xuntos, cun novo alcalde e cun equipo de Goberno con ganas e forza para traballar, ademais de ir da man de toda a veciñanza de Paradela, mirando unidos e de fronte cara o futuro”, subliñou Iván Castro.

“Teño unha ilusión tremenda por mellorar o noso pobo e conseguir que os nosos maiores poidan desfrutar duns servizos de primeira, tal e como se merecen, nun concello no que os seus netos poidan traballar e vivir en Paradela, asentando aquí os seus proxectos de vida”, destacou o candidato.

Sobre a candidatura que o acompaña nesta cita electoral asegurou que “combina experiencia con xuventude, con moita ilusión, pero sobre todo únenos o noso forte compromiso con Paradela”.

Na lista, ademais do alcaldable, van outras oito persoas, que son Sara Arias López, Kevin José Gayoso Vázquez, Verónica Rodríguez Rodríguez, Marcos Díaz Quiroga, Rubén López Fernández, Iria Rodríguez López, Manuel López López e Jorge González Castro.