Skip to main content
Sarria

Benjamín Escontrela afirma que Claudio Garrido “xa coñecía os informes do persoal da residencia antes de presentar a denuncia”

Por 26 Maio, 2023Maio 27th, 2023Sin comentarios

O candidato socialista á Alcaldía de Sarria sostén que o “único obxectivo do actual alcalde foi sacar rédito electoral a costa de atacar e desprestixiar a miña persoa”.

O candidato do Partido Socialista de Sarria, Benjamín Escontrela, pídelle ao actual alcalde sarriao e candidato á reelección nas vindeiras eleccións, Claudio Garrido, que “rectifique, deixe de mentir e asuma responsabilidades cos veciños de Sarria” con respecto ao tema da contratación dun detective para investigar as baixas de traballadores da Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme.

Pide isto despois de, defende, “quedar perfectamente demostradas as mentiras reiteradas e a manipulación do alcalde con respecto á investigación sobre o persoal da residencia co único obxectivo de sacar rédito electoral a costa de atacar e desprestixiar a miña persoa”, denuncia.

Escontrela sostén que “toda a investigación se fundamenta na existencia ou non dos informes do detective privado sobre persoal da residencia, pero eses informes existen e foron entregados no xulgado polo propio detective, que ademais aportou a gravación dunha conversa telefónica co alcalde na que el mesmo recoñece que os contratos son legais, os informes están feitos e que iniciou este proceso por motivos políticos”, argumenta o alcaldable socialista.

Ademais, Escontrela tamén di que “o alcalde sabía antes de presentar a denuncia que existían os informes e era perfectamente coñecedor da súa existencia”. Por outro lado, expón que o acordo do Pleno no que se sustenta a presentación da denuncia, do 23 de febreiro, non é válido porque a acta nunca se aprobou.

Contestación de Claudio Garrido, alcalde de Sarria

Pola súa parte, Claudio Garrido, por alusións, contestou a este comunicado do Partido Socialista sarriao, dicindo que o contido desas conversacións telefónicas das que fala Escontrela están gravadas “sen autorización e completamente descontextualizadas”.

Así, en contraposición, presenta unha proposta “para mellorar Sarria”, que se trata da creación dun parque actuático nas inmediacións das piscinas municipais descubertas.

O proxecto, que comenzará coa negociación para adquirir as parcelas necesarias, explica Garrido, consistirá na creación dunha zona lúdico-acuática orientada a xente nova e que terá a forma da tradicional cuncha xacobea.

Segundo explica, a base da cuncha acollerá a zona de praia e solárium, e nos brazos haberá tobogáns acuáticos de diferentes lonxitudes e alturas.

Acto final de campaña do Partido Socialista de Sarria

Esta tarde ás 20.30 horas terá lugar o acto de fin de campaña do Partido Socialista de Sarria, que se celebrará na pista do Parque do Chanto ás 20.30 horas.