Skip to main content
Sarria

Os organizadores do Esmorga Fest están moi agradecidos por “todo o que nos fixestes vivir”

Por 27 Maio, 2023Maio 28th, 2023Sin comentarios

Despois dunha semana da celebración do Esmorga Fest, os organizadores fixeron balance dos resultados desta edición e destacan o agradecemento ás persoas que acudiron aos concertos: “Non podemos estar máis que agradecidos por todo o que nos fixestes vivir este fin de semana”.

Explican que “despois da catarse colectiva coa que comezamos o ano, logramos sacar adiante a edición máis complicada de todas, pero tamén a máis satisfactoria e especial”.

Refírense con isto a que a principios do ano anunciaron que non podían facerse cargo, un ano máis, doutra edición do Esmorga Fest, en parte pola falta de apoio que recibían por parte do Concello de Sarria, encabezada por Claudio Garrido, alcaldable de novo por Camiña Sarria.

Así, a Deputación de Lugo, a través da Vicepresidencia e a Consellería de Cultura, ofreceulle aos organizadores a súa axuda, co que puideron emprender de novo o camiño para a celebración do evento.

“Mereceu a pena cada hora de traballo”

Así, explican que “outro ano máis vimos á xente cantar, rir, bailar e inundar Sarria dunha enerxía indescritible que demostra que sodes o mellor público que un festival podería desexar; unha razón de peso pola que merece a pena cada hora de traballo e cada gota de esforzo”.

Ademais de ao público, tamén agradeceron “a todos os que facedes posible co voso traballo que esta loucura saia adiante: ás bandas, aos camareiros, ao equipo de son, de produción e todos os que, dalgunha maneira botastes unha man para pasar todas as dificultades”.

Por último, quixeron agradecer a todas as institucións e patrocinadores o seu apoio, empezando pola Deputación de Lugo, pasando pola Xunta de Galicia e terminando no Concello de Sarria; así como ás marcas Son Estrella Galicia, Gadis e Arehucas.