Skip to main content
Sarria

Todo listo para as Xornadas Xurídicas de Sarria ‘Román García Varela’

Por 29 Maio, 2023Sin comentarios

Esta semana, os días 31 de maio, 1 e 2 de xuño, terá lugar a XVI edición das Xornadas Xurídicas de Sarria ‘Román García Varela’, que se celebrarán na Casa da Cultura, onde se analizarán este ano os retos aos que se enfronta o Estado de Dereito.

Na inauguración do encontro, impartida pola presidenta do Consello Xeral da Avogacía, Victoria Ortega e organizado polo Concello de Sarria e que forma parte do programa de Formación Continua do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), intervirán o presidente do CXPX, o vogal Rafael Mozo; o alcalde de Sarria, Claudio Garrido; o vicepresidente segundo e conselleiro de Xustiza, Diego Calvo; o responsable de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera; e a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira.

Ao longo dos tres días, os expertos participarán en mesas redondas nas que analizarán, entre outras cuestións, as posibilidades de reforma do sistema tributario español; as cuestións xurídicas e éticas relacionadas coa eutanasia; ou as solucións que poden ofrecer aos problemas da Administración de Xustiza os Métodos Alternos de Solución de Conflitos (MASC), tales como a negociación, conciliación, a mediación ou a arbitraxe.

As xornadas, que están dirixidas polo letrado da Administración de Xustiza Román García-Varela Iglesias e polo catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema Devesa, contarán coa presenza de prestixiosos relatores, entre eles maxistrados do Tribunal Supremo, expresidentes do Tribunal Constitucional e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a directora da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre ou a presidenta da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia de Galicia.

Ademais dos asistentes presenciais, entre eles xuíces e xuízas de diferentes localidades de España, as xornadas seguiranse de forma telemática desde outras comunidades autónomas e países como Perú ou Xapón polos máis de 200 estudantes que hai inscritos a través do centro de Lugo da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).

Esta XVI edición comezará o vindeiro mércores, 31 de maio, ás 9.30 horas e a clausura será o venres 2 de xuño ás 12.00 horas, e contará coa asistencia de Pascual Sala Sánchez, expresidente do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo e CXPX; José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidente do TSXG; e os codirectores das xornadas, Román García-Varela Iglesias e Carlos Lema Devesa.