Skip to main content
Begonte

Saavedra inaugura a quinta escultura do Belén o día da Romaría dos Milagres

Por 24 Maio, 2023Maio 26th, 2023Sin comentarios

Coincidindo coa festa dos Milagros de Saavedra, que se celebra hoxe, mércores, instalouse a quinta das esculturas que nas 19 parroquias do concello de Begonte van conformar un intanxible Camiño do Belén.

A escultura, do artista lucense César Lorenzana é un gran banco de frores, dedicado á Virxe como “Dona das frores. Señora dos Milagres. Mai do Belén”.

Foron numerosos os romeiros que obtiveron recordo da súa visita ao santuario fotografándose sentados neste orixinal banco.

A primeira das esculturas está instalada desde o pasado Nadal á beira do Belén, reflectindo unhas botas de camiñante, das que o Papa Francisco recibiu un prototipo a finais do pasado ano. A continuación instaláronse cadansúa escultura nas parroquias de San Vicente de Pena, Pacios, Damil, e agora esta nos Milagres de Saavedra.

As restantes catorce esculturas agárdase poder instalalas no decurso do presente ano.

ROMARÍA DOS MILAGRES

A a parroquia begontesa de Saavedra celebra hoxe o día grande na honra á Virxe dos Milagres. Trátase da festa máis importante do ano, que reúne cada ano no santuario da localidade a centos de devotos, que aproveitan a data para facer unha andaina ata a igrexa.

As celebracións relixiosas comezaron o día 21, domingo, coa novena e hoxe hai cerimonias relixiosas durante todo o día. Para o sábado seguinte, volverán os oficios ás 12.30, 13.30 e 20.30 horas para rematar o domingo con outras tres misas, todas de mañá, ás 11.30 horas, 12.30 e 13.30 horas.

E xunto coa romería volven tamén as festas patronais, que terán como primeiro día de celebración hoxe coa actuación do dúo Eclipse.

Xa a fin de semana continúa a programación coa participación co grupo Punto Clave en sesión vermú e Gran Parada e repetición de Punto Clave pola noite.

O domingo rematará o programa con grupo Mar d’Arousa en sesión vermú.

A organización lembra que haberá servizo de comida no campo da festa ademais dos tradicionais postos gastronómicos e que tamén haberá venda de candeas para os oficios relixiosos.