Skip to main content
Begonte

Begonte contará con escola infantil aproveitando o proxecto do PAI

Por 29 Maio, 2023Sin comentarios

O alcalde de Begonte, José Ulla, e a arquitecta municipal, Soledad Dorado, mantiveron un encontro en Santiago co director xeral de Familia, Jacobo Rey, e o equipo técnico da Consellería de Política Social, para abordar a adaptación a escola infantil, con 40 prazas dispoñibles de 0 a 3 anos, no proxecto co que xa contaba o Concello para construír un Punto de Atención á Infancia (PAI).

A alta demanda existente levou ao Concello a apostar por transformar o proxecto, para o que recibirá unha subvención de 240.000 euros por parte de Xunta de Galicia, o que duplica o presuposto previsto inicialmente para a instalación.

Unha vez realizada a tramitación pertinente para a concesión da axuda, o Concello espera poder adxudicar a obras antes de que finalice o verán para que poidan estar executadas antes de finais de ano, se todo marcha segundo o previsto.

A escola infantil situarase nos mesmos terreos onde estaba previsto o PAI, unha parcela de titularidade municipal próxima ao CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño, xa que a superficie da mesma permite acometer a ampliación da edificación, unha posibilidade que xa estaba exposta a futuro no deseño inicial.

Así, pártese da mesma idea que xa estaba definida, creando un inmoble de planta única, pero ampliando aquelas dependencias necesarias para que poida operar como escola infantil, con cociña, zona de descanso, aseos e tres aulas independentes, en lugar das dúas previstas inicialmente.