Skip to main content
Begonte

A Deputación aproba un convenio co Cercud de Baamonde para reparar a cuberta do muíño

Por 27 Maio, 2023Maio 28th, 2023Sin comentarios

A institución provincial aporta preto de 50.000€ ó Centro Recreativo, Cultural e Deportivo para a mellora desta edificación tradicional, que o colectivo quere converter en museo etnográfico do pan para potenciar o entorno.

A Deputación de Lugo aprobou este venres un convenio de colaboración co Centro Recreativo, Cultural e Deportivo (Cercud) de Baamonde para financiar cunha aportación de preto de 50.000€ a reparación da cuberta dun antigo muíño situado neste espazo natural de lecer.

O presidente da institución provincial, José Tomé Roca, reuniuse con representantes do colectivo para informalos do acordo, que permitirá acometer un proxecto que consiste na retirada da cubrición de lousa, e do entaboado e a estrutura de cuberta de madeira; na colocación da estrutura e entaboado de madeira de castaño, conservando as características da edificación existente, aproveitando o material que estea en bo estado e aportando o que sexa necesario, incluíndo o acondicionamento e reparación da coroación dos muros de apoio da cuberta, así como a reposición da cheminea de pedra; e a cubrición con lousa irregular de iguais características á existente. En todo momento, respectaranse as características da construción tradicional, tanto en relación aos materiais e acabados, como a morfoloxía e a proporción de ocos.

As obras teñen un prazo de execución de catro meses unha vez iniciadas, e forman parte das actuacións necesarias para acadar o obxectivo do Cercud de converter o antigo muíño nun museo etnográfico do pan e potenciar así este espazo de lecer.

O Cercud de Baamonde foi fundado a finais da década dos 70 co obxectivo da promoción cultural, artística e deportiva, así como para o fomento de actividades de ocio e tempo libre.