Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Alba Sinde presenta en Castro de Rei a súa candidatura socialista as municipais

Por 26 Maio, 2023Sin comentarios

A candidata do PSdeG á Alcaldía destacou que fronte ó despoboamento que sofre o municipio “é fundamental dotar á veciñanza de servizos, porque ninguén quere vivir nun lugar que non ofrece calidade de vida”.

A candidata do PSdeG á Alcaldía de Castro de Rei, Alba Sinde, está convencida de que “Castro vai demostrar este domingo que quere mirar cara adiante”. Así o recalcou a socialista nun encontro coa veciñanza que tivo lugar este xoves na Casa da Cultura de Castro de Ribeiras de Lea e que contou tamén coa intervención do Senador César Mogo.

Fronte ó despoboamento que sofre o municipio, “é fundamental dotar a veciñanza de servizos, porque ninguén quere vivir nun lugar que non ofrece calidade de vida”, destacou Sinde. Sinalou que desde o primeiro día traballarán por atraer industria para o concello e que revisarán a maneira de impulsar o polígono dun xeito respectuoso. Ademais, porán en marcha medidas de benestar social, como aquelas que faciliten a conciliación ou que melloren a vida das persoas maiores.

Engadiu a candidata que acondicionarán e repararán edificios e áreas públicas municipais e nese sentido puxo sobre a mesa a necesidade de “arranxar a entrada do centro de saúde de Castro de Ribeiras de Lea, compre amañar o ascensor, permitir o acceso ás padiolas e facilitar unha saída de ambulancias axeitada”.

Outra das prioridades de Alba Sinde na parroquia será “o recoñecemento da lagoa fronte ó campo de fútbol, porque cremos na importancia de poñer en valor o noso rico patrimonio natural”. Tamén apostará por dinamizar a vida cultural nas parroquias, atender ó benestar dos maiores, reactivar as escolas deportivas ou a creación dun portal de transparencia.

O compromiso da xente nova

Pola súa banda, César Mogo sinalou que “traballar polo futuro inmediato deste país é poñer no centro das políticas á xente nova, como fai este Goberno”. E nese sentido o Senador lucense destacou que, “ademais dos recursos dedicados directamente á xuventude, o Goberno central tamén está a traballar para os máis novos con medidas como a reforma laboral, porque o emprego de calidade é o que lles permite construír un proxecto de vida; ou a reforma das pensións, porque cando acaben a súa vida laboral recibirán unha paga digna”.

“Alba Sinde é a mellor expresión da mocidade, que non se conforma con que outros tomen as decisións. Representa a moitos mozos e mozas que queren participar na vida política para cambiar as cousas”. Por iso, Mogo pediu “un voto de confianza cara quen se compromete, sen reservas, polo seu pobo”.