Skip to main content
Guitiriz

O candidato do PP en Guitiriz anuncia medidas para ampliar o solo industrial e rebaixar tributos no rural

A candidatura do PP de Guitiriz, encabezada por José Manuel López, participou esta tarde, na Casilla, nun café con empresarios, autónomos e gandeiros do municipio, no que tamén interveu a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que estivo acompañada pola secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca Carús.

O candidato popular á alcaldía, José Manuel López, explicou as medidas que pretende levar a cabo se chega a gobernar para apoiar a empresarias, autónomos e gandeiros. Nesta liña indicou que elaborará e desenvolverá un plan para difundir a posición estratéxica de Guitiriz, co fin de captar empresas e investimentos. Igualmente, anuncia que potenciará o polígono industrial e promoverá a creación máis solo industrial.

Se no próximo mandato gobernan os populares, solicitarán á Xunta máis obradoiros de emprego. No folla de ruta dos populares figuran igualmente medidas para a promoción do comercio, da hostalería e do sector gandeiro. Haberá apoio e promoción aos mercados e as feiras.

O alcaldable popular indica que se goberna establecerá unha bonificación de ata o 95% do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) tanto para obras novas como para ampliación das instalación actuais; igualmente, haberá rebaixa s no IBI, tanto como o permita a lexislación vixente, para as construcións agrícolas e gandeiras. José Manuel López inclúe na súa folla de ruta subvencións para cubrir parcialmente os custos das permutas de terreos, unha medida que cre necesaria para facilitar o agrupamento de fincas de uso agrario e gandeiro.

Pola súa banda, María Jesús Lorenzana debullou as principais liñas de actuación que ten impulsado o Goberno autonómico para apoiar o traballo autónomo, as contratacións nas empresas e en entidades de economía social. Uns apoios nos que se levan investidos no que vai de ano máis de 47 millóns de euros e que son “ unha mostra inequívoca do compromiso que a Xunta de Galicia ten coas empresas galegas”, subliñou.

Lorenzana tamén lembrou a posta en marcha dunha Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que se está a despregar por todo o territorio galego, para prestar asesoramento ás persoas emprendedoras en todas as fases do seu proxecto. Un recurso do que se poderá beneficiar Guitiriz proximamente grazas ao Polo Lugo Comarca.

Finalmente, María Jesús Lorenzana agradeceu o “importante labor que cada un de vos desenvolvedes desde os vosos negocios ou empresas para a recuperación do emprego e da economía galega”, ao tempo que asegurou que “o Goberno da Xunta seguirá traballando para apoiar e impulsar os mecanismos e axudas que sexan necesarios para fortalecer o noso tecido empresarial”.