Skip to main content
Muras

O alcalde de Muras asegura que as contas están totalmente saneadas

Afirma que as declaracións da candidata do PP en Muras, poñen de manifesto “o descoñecemento absoluto do funcionamento administrativo do concello e o pouco interese por informarse minimamente do que fala”.

O alcalde de Muras e candidato do BNG á Alcadía asegura que as contas municipais están totalmente saenadas “grazas á xestión do BNG, que lamenta “o intento do PP de desprestixiar a imaxe do Concello de Muras”.

“A ousadía do Partido Popular non ten límites, e o papel aguanta de todas as letras”, di Manuel Requeijo. “Dende o BNG pedímoslle a portavoz da oposición, que actúe con máis prudencia e responsabilidade, no exercicio do seu cargo de concelleira. Sabemos que é libre para reprobar a nosa acción de goberno, para criticarnos ou para publicar os nosos erros, que tamén os podemos ter, pero cando o faga, que o faga con rigor, e sobre todo sen prexudicar a imaxe do concello de Muras, que ben merece ser respectada, goberne quen goberne”.

Afirman que o concello de Muras non ten débeda pública ningunha, e remítese aos informes de intervención sobre o último orzamento aprobado para o 2023, “onde pode comprobar, se os lee do dereito, que temos aforro bruto e neto positivo para este ano, e que o período medio de pago no ano 2022 foi de 39,34 días, e non o di o alcalde ou o BNG, senón que están nos informes de secretaría que ela ten nas súas mans”.

Engade tamén que o remanente de tesourería na liquidación das contas do ano 2022 foi positivo, “polo que os veciños e veciñas non merecen ter na corporación unha concelleira que falta á verdade e que pretende desprestixiar a reputación do concello de Muras, por enriba de todo. Non é fácil entender os parámetros e os conceptos que se manexan na política contable dun concello, pero o mínimo que se esixe é un pequeno esforzo por comprendelos, ou por preguntar a quen entenda para que llos explique, antes de publicar datos imprecisos e falsidades. O recoñecemento extraxudicial de Crédito que aprobamos no último pleno, que se aproba todos os anos, e así se fai en todos os concellos, tamén nos que goberna o PP, recoñécense e páganse facturas do exercicio anterior, por diferentes motivos contables, que non imos enumerar, pero non porque o concello non teña cartos, porque as contas de Muras están totalmente saneadas”.

Manuel Requeijo manifestou que “é un auténtico despropósito as barbaridades que publica a candidata do PP, demostrando un absoluto descoñecemento do funcionamento do concello”. O portavoz do BNG de Muras engadiu que “Entendo que critique o gasto en asesoramento xurídico, porque seguramente non quixera que denunciásemos ao anterior Alcalde, que foi condenado a 9 anos de inhabilitación, por enchufar a dedo a ela mesma e a outra xente da súa candidatura”. Por último, Requeijo apuntou que “O BNG demostrou estes anos que gobernamos de forma distinta ao PP, sen amiguismos, sen enchufes, con total transparencia, gobernando para todos e todas, sen mirar a cor política de ninguén e nos esforzamos cada día en facelo ben e mellor”.