Skip to main content
Muras

A nova edición da Romaxe Artesá da Chaira desenvolverase este sábado

Por 26 Maio, 2023Maio 27th, 2023Sin comentarios

Muras celebrará este sábado a sétima edición da Romaxe Artesá da Chaira, unha festa na que se busca a reivindicación dos oficios tradicionais e sobre todo a dinamización do medio rural como lugar de creación de vida.

A romaxe dará comezo ás 11.00 coa apertura da Feira e ás 11.30 terá lugar a primeira charla, a cargo de Elena Ferro e que leva por título Dignificar un oficio.

As actuacións musicais darán comezo á 13.00 co primeiro concerto do grupo Uxía Lambona e a banda molona e ás 14.00 será a quenda de Louband cunha actuación itinerante.

A tarde contará coa celebración de tres obradoiros. O primeiro ás 16.00 sobre iniciación a cestería, dirixido a adultos, e impartido por Bea Valín.

Ás 16.30 dará comezo outro sobre creación de pezas cerámicas con engobes e elementos naturais a cargo de Imavi. Neste poderán participar seis persoas cada media hora ata un máximo de 18 e está destinado a todos os públicos.

O último será ás 18.45 a cargo de Lupe Blanco e que leva por título Os segredos da Regueifa e poderán participar un máximo de 50 persoas de todas as idades.

A xornada contará tamén co espectáculo familiar Circando da man de Artefeito Produccións que será ás 17.30.

Para finalizar esta sétima edición da romaxe haberá dúas actuacións musicais, a primeira ás 20.00 co grupo Caamaño&Ameixeiras e por último ás 21.25 o grupo Luar na Lubre.

Ao longo de todo o día haberá xogos tradicionais a cargo de Xotramu e Lab on Wheels Fotogradía Clásica.