Skip to main content
Muras

Olalla Rodil e Daniel Castro consideran Muras como un concello modelo do BNG

Por 26 Maio, 2023Sin comentarios

A deputada e o deputado destacan o gran traballo do goberno do BNG en Muras para ofrecer uns servizos públicos de calidade á veciñanza.

Olalla Rodil e Daniel Castro aproveitaron a súa visita ao concello de Muras para contrastar o modelo BNG, “en defensa dos servizos públicos desde os gobernos locais que lidera, fronte a un PP empeñado en desmantelar o público a favor do privado, en especial na sanidade”.

Acompañados tamén pola nº 2 da candidatura nacionalista en Muras, Paula Gómez, coñeceron da man do alcalde Manuel Requeixo os investimentos realizados polo goberno local do BNG para mellorar os servizos que se lle prestan á veciñanza, tanto en materia de sanidade como en educación. En concreto, 260.000 euros na rehabilitación e posta a punto do centro de saúde, -cuxo edificio é de titularidade municipal-, e visitaron tamén o centro educativo Antía Cal, que acolle un punto de atención á infancia, e no que se van acometer obras de reparación por parte do goberno municipal.

Asumiron competencias que non son propias

“Ante a negativa da Xunta, dende un concello rural, despoboado e pequeno vémonos na obriga de asumir competencias que non son propias”, denunciou Requeijo. “A reforma no centro de saúde permite que os veciños e as veciñas dispoñan de persoal médico, persoal de enfermería e persoal administrativo para atender a unha poboación de 700 persoas que, doutro xeito, terían que desprazarse un mínimo de 30 quilómetros para ser atendidas en Vilalba, con todo o que iso implica para unha poboación envellecida”, alegou Olalla Rodil

Visita ao centro escolar Antía Cal

No caso do centro educativo, cursan estudos quince escolares de entre cero e once anos, de tal xeito que as familias poden escolarizar aos seus fillos e fillas no propio concello. Manuel Requeixo explicou que a reforma era indispensable polo deterioro da infraestrutura, ao supor un “perigo para os nenos e nenas que asisten alí a clases”.

“Sen os investimentos do goberno municipal do BNG estes nenos e nenas terían que desprazarse ata Xermade, a 20 quilómetros da súa residencia, dificultando por exemplo a conciliación dos pais e nais, un exemplo máis do abandono ao que o Partido Popular somete a moitos concellos rurais por todo o país”, engadiu o deputado mariñao Daniel Castro.

Compromiso do BNG coa sanidade pública

Nesta visita a Muras, o deputado Daniel Castro fixo referencia á situación da sanidade pública en todas as comarcas e concellos do país pero especialmente na comarca da Mariña. “Levamos trece anos de recortes, privatizacións, con precariedade no persoal médico e colocando á sanidade pública na situación límite que ten neste momento”, denunciou Castro, en relación a un Partido Popular que en vez de poñer en marcha un cambio “vai de ocorrencia en ocorrencia e poñendo parches sen entrar no fondo do problema”.

Daniel Castro, que tén levado numerosas iniciativas ao Parlamento en defensa da sanidade pública referíuse tamén á importancia de ter presente este 28 de maio quen son os responsables da desfeita que se está a producir na sanidade, en alusión ao Partido Popular, “que foron os que votaron sempre en contra das nosas propostas en defensa da sanidade pública da Mariña”, afirmou

Castro reafirmou tamén o compromiso do BNG coa sanidade pública na comarca donde día a día esta organización está cóbado con cóbado coa veciñanza na súa demanda de melloras na atención primaria e hospitalaria. “E non podemos esquecer a todas e todos os profesionais que desenvolven o seu traballo nunhas condicións difíciles”.

Referíuse tamén aos traballadores e traballadoras da sanidade e dos servizos sociosanitarios que forman parte das candidaturas do BNG na Mariña, aos que lles agradeceu a súa implicación neste proceso e o seu compromiso diario coa sanidade pública.